De cando en vez aterro en espazos moi ceibos de palabras, de versos, de longas oracións gramaticais, de repeticións que me intentan dominar, de parágrafos que me envolven entre a crueldade e o agarimo.
De cando en vez decido pousar os meus
sentidos nunhas illas que están rodeadas do mar do enxeño. Que semellan
chamarte en voz baixa pero que, ben o sabes, soan a berros no teu interior.
De cando en vez decido pisar os terreos
dos aforismos, eses eidos que non
parecen estar sen labradíos, pero que dan froitos insospeitados.
As colleitas son moi xenerosas.
Os froitos teñen unhas formas e unhas
cores sorprendentes. O seu sabor, exquisito.
Desta volta detívenme no terceiro libro de
aforismos de Benjamín
Prado, un escritor que me interesa. Alguén do que
eu leo a súa poesía, os seus artigos no xornal e máis dunha novela.
O libro leva por título Más
que palabras e está editado por Ediciones Hiperión en
2015.
Decidín poñelos en galego. Quedan ben na
nosa lingua.
Velaquí algúns deles:
* Hai
quen só conta contigo ata completar o aforo.
* As persoas que temen perderte sempre
dan un pouco de medo.
* Recoñecina porque non se parecía a ninguén.
*
O poema é a cabeleira da linguaxe.
*
Cando non vaias a ningures, tamén te quererei acompañar.
*
O que ten mérito é ser lembrado polo que fas, non polo que din de ti.
*
Hai quen confunden darche un consello con deixarche unha multa no
parabrisas.
* A igualdade tamén consiste en que
todos poidamos ser diferentes.
* O pesimista busca desgrazas que lle
dean a razón.
*
Estar mal acompañado é estar só por partida dobre.
Tras ler estes aforismos, decidín cerrar o libro e
dedicarme a ver como aboian no máis íntimo de min as ondas do mar.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO