Páginas

miércoles, 18 de noviembre de 2015

PINTURA SOBRE PAPEL DE XULIO GARCÍA RIVAS E A PALABRA DOS POETAS (1). Antonio García Teijeiro


Xulio García Rivas
Hai xa algúns meses, Xulio García Rivas expuxo a súa obra en papel no Pazo da Cultura de Carballo e no Centro de Arte “Atlántica” na Coruña.
     
     Xulio García Rivas é un pintor dunha categoría incuestionable, de quen o poeta Xavier Seoane escribiu que en García Rivas se nota un decantado coñecemento da tradición pictórica da paisaxe. E, en concreto, do romanticismo, do postimpresionismo, da abstracción contemporánea e de certos rexistros da “action party” ou dos expresionismos abstractos. Ou da tradición oriental chinesa e xaponesa. Hai, con evidencia, pintores da tradición, como Turner ou Friedrich, ou da contemporaneidade, como Zao Wu Ki, Mompó, Zóbel, Cy Tombly, entre outros, fértiles en desmaterializacións, transfiguracións e vibracións… para engadir noutro parágrafo que o pintor constrúe, cun xogo metamórfico de equilibrios e liberdades, de ordes e de azares, unha fenomenoloxía estética e expresiva dos sentidos, das vivencias e das emocións a través dunhas composicións melódicas e vibrátiles(…)

     Moi acertada definición dunha obra tan complexa como suxestiva, tan aparentemente sinxela como evocadora  de vivencias e sentimentos, das luces e das sombras que poboan a vida dos seres humanos.


     O catálogo que se fixo para estas dúas exposicións, que levan por nome  Pintura sobre papel, é unha xoia plástica e poética. Unha fermosa antoloxía que vencella pintura e verso da man de poetas tan interesantes coma Francisco X. Fernández Naval, Mª Xosé Queizán, Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Miguel Anxo Fernán Vello, Eva Veiga ou Marga do Val, ademais do interesantísimo artigo do xa citado anteriormente Xavier Seoane.


     Versos e aloumiños irá  publicando os poemas deste catálogo, comezando pola miña achega ateigada de agarimo e de admiración.