De novo, grazas á
súa xenerosidade, Versos e aloumiños felicítase por continuar poñendo para a
gozosa lectura dos seus lectores a palabra intelixente, punxente, irónica e
deliciosa de Paco Martín.
A súa Auga
lizgaira volve fluír polo blog para mollar os sentimentos de todos aqueles
que desexan ler textos brillantes, que intentan sacudir sensibilidades. Textos
que non pasan desapercibidos para os que aman a palabra literaria, pois
literatura fai Paco Martín cada vez que escribe.
Este é o primeiro dos seis artigos que o
escritor lugués nos enviou nesta nova quenda, algo que nos fai sentir ben felices.
Debuxo de Castelao |
A flor da auga
Paco Martín
Antes –e, se cadra, tamén agora hai quen
o segue a facer- ían as rapazas novas á fonte para recoller nela a flor da auga
fría coas primeiras luces do día de San Xoán. Eficaz remedio para moitísimas
doenzas do corpo e da alma, era tamén axuda segura para casamentos prontos e
felices polo que a ninguén estrañará o moito predicamento do que gozaba, sobre
todo entre a mocidade solteira. Certo é que non sempre resulta doado levar a bo
fin unha acción aparentemente tan sinxela porque non son poucas as fontes das
que repara algún encanto baixo a forma dunha pinchorra, dun sapo ou algún outro
animal repulsivo ó que hai que bicar na boca para lograr acceder á auga e sen
posibilidade de ligue con príncipe ou princesa liberados de maleficio.
Nalgúns
lugares a fonte abrolla xustamente esa mañá e desaparece despois de que a fada
que provocou a súa aparición utilice a auga para lavar o seu fermosísimo rostro
e mais os longos cabelos rubios, que posteriormente alisará cun brillante peite
de ouro. Tamén no amencer do día do San Xoán é cando se poden oír as campás de
moitas das cidades asolagadas que hai en case todas as lagoas galegas para
lembranza dos rectos costumes ós que están obrigadas as xentes de ben.
En
determinadas praias –en especial na da Lanzada- un baño, co corpo enteiramente
espido, no que se reciban nove ondas seguidas, ás doce da noite que vai do
vinte e tres ó vinte e catro de xuño, libran a quen o recibe de calquera doenza
durante todo o ano e, se dunha muller estéril se tratase, asegura para moi
pronto a desexada concepción.
Deixando
pétalos de rosa nun recipiente con auga ó sereno desa noite e lavándose con ela
pola mañá asegurámonos unha pel sa, fina e delicada, en especial se as facemos
as ablucións mesmo ó raiar o sol e colocados de cara ó oriente para recibir as
primeiras luces da aurora. Don
Jesús Rodríguez López, no seu Supersticiones
de Galicia, fala do costume de pasar esa noite espidos entre o centeo para
recibir o orballo do San Xoán e sandar así da sarna.
Se
unha rapaza pretende saber do home con quen ha casar, botará, as doce da noite,
a clara dun ovo en medio vaso de auga e irá mirar, antes de que sexa día, o que
alí se debuxa: se un barco, mariñeiro; se un arado, labrador; se unha bigornia,
ferreiro...
A
auga, que os antigos consideraron a esencia das cousas todas, tivo, ben se ve,
unha importancia enorme no rito da noite do San Xoán. Tamén o lume, desde logo.
Pero, non sei se é por causa do cheiro desmedido a sardiñas ó chamusco e
plásticos incinerados, parece como se andaramos a esquecer aquilo que hoxe máis
preciso nos é.
A
flor da auga.