Aproveitamos a descuberta do
libro de máximas e reflexións de Georges
Brassens, Los caminos que no llevan a
Roma (Ed. Navona), do que xa falaramos nunha ocasión anterior, para poñer no escaparate (de novo) un dos máis
grandes artistas que o mundo da música deu. Xa apareceu nun “Dardo poético”en Versos e aloumiños; porén, con este
libro de pensamentos quixemos que estea presente no blog outra vez. Nunca son
moitas as razóns para achegarnos a un personaxe da súa importancia, pois persoas coma el hai que telas de referencia permanente.
A través do libro Los caminos que no llevan a Roma podemos coñecer unha boa parte das súas reflexións. Sinceramente coido que paga a pena deterse nelas e pensar con el.
Considerado por moitos o poeta do
anarquismo, autor que fixo da súa palabra subversión amorosa, creador de
composicións implacables contra a pena de morte (“Le gorille”), Brassens enche
de humor as letras das cancións para defender a moral libertaria y para poñer
en escena os marxinados da sociedade.
Non se considerou poeta nin se tomou moi
en serio, pero foi un artesán da linguaxe, un gran lector de poesía, capaz de
crear un estilo moi persoal baseado nos xogos con expresións feitas e unha
exemplar utilización da fala popular.
Acompañado pola súa guitarra e un contrabaixo,
Georges Brassens emocionaba o público co seu discurso inquietante e coa
combinación poderosa palabra-melodía.
Sempre admiramos en Brassens a súa capacidade
para transformar os feitos cotiáns e mundanos en arte, a través da mirada atenta e aguda sobre o que ocorría
ao seu redor.
Crítico ata o máis fondo, creou un
universo propio que chegou a remexer as nosas conciencias. Os que o escoitamos
dende hai tanto tempo non deixamos endexamais de amalo.
Georges Brassens non perdeu en ningún momento
a súa vixencia. Iso faino un xenio.
A través do libro Los caminos que no llevan a Roma podemos coñecer unha boa parte das súas reflexións. Sinceramente coido que paga a pena deterse nelas e pensar con el.
Estas son algunhas:
“Gústame moverme entre o marabilloso,
o aparentemente infantil, crear imaxes que agochan valores de contrabando”.
“Teño necesidade sobre todo dun mundo para min só, o que eu me
creei; o outro tráeme sen coidado”.
“Os poetas non son persoas que deban
medirse unhas con respecto a outras”.
“O único que nos queda da civilización
é a poesía”.
“Fago bailar as palabras, iso faime
vivir”.
“Escribo cancións do mesmo xeito que outros van ao mar”.
“As persoas nunha obra, búscanse.
Búscanse a si mesmas”.
“Non son un home amargado, senón
melancólico; porque o mundo non lle agrada”.
“Cando un amigo me pide a miña
opinión, dígolle que me gusta ou que non me gusta, pero non lle dou consellos.
Non hai que dar consellos a ninguén. Ten que ser o propio interesado quen atope
el só o seu camiño”.
“A canción é a poesía ao alcance de
todos os petos”.
Velaquí
algunhas mostras do que este magnífico libro nos agasalla. Hai tantas
interesantes que un non sabe cal escoller.
Resulta moi gratificante ler as letras,
escoitar os seus temas, deterse nos seus pensamentos. Brassens é profundo e, ao
tempo, fai propostas claras e comprensibles a aqueles que queiran mergullarse
no seu discurso poético-musical. Non esquezamos
que este home nado en Sète en 1921 e falecido en Saint-Gély-du-Fesc en
1981, inconformista por natureza, sempre pensou que o máis difícil na vida é
ser un mesmo e ter carácter dabondo para selo sempre.
(Estas máximas están
traducidas ao galego a partir da tradución de Joachim De Nys).
Georges Brassens canta en vivo a canción "Les copains d´abord".
Tamén en vivo, a súa popular canción "La mauvaise reputation".
E esta fermosa "Supplique pour être enterré à la plage de Sète" en vivo.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO
Georges Brassens canta en vivo a canción "Les copains d´abord".
Para Paco Ibáñez Brassens é o máis grande. El mesmo gravou un disco completo coas súas cancións. |
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO