Páginas

viernes, 24 de julio de 2015

ESCAPARATE POÉTICO (LIV) . Arcadio López-Casanova. (3)




                                 ARCADIO  LÓPEZ-CASANOVA  (Lugo, 1942)



ROSALÍA XUNTO  Ó  MAR  DE CARRIL



Orballan as horas miudas sobre deste mar
tan quedo que me dá alento,
e veñen, veñen as ondas ata esta orela de sombra
mesmo coma se renderan no esteiro
do meu baleiro corazón.

Arcadio López-Casanova

Toda a miña vida e maila miña morte aquí están,
son isto que vexo,
unha ollada a aquela illa de luz,
vagas de vazar e altas escumas
de ás brancas,
paxaros de cinza que do escuro do bosque
niño de herba fan no meu peito doente,
nesta miña causela de dor
e de ausenza.


Quixen esta ollada derradeira sobre deste mar,
tal eran a ansia, e a sede, e tamén o desamparo
que por de dentro me aloureaban,
aburaban as pólas esmaceladas do meu sangue,
e sega facían nas mañizas de todo o meu vivir.


Son os ollos do corazón os que velan e ven,
pois cguiña estou, filliña da Noite,
tempo e tempo hai xa.


Sen sentilos van os días por min
coma un asubío de sombra
acó, deitada no leito,
soa, soa,
soíña,
vendo as ramallas do solpor que chegan,
que caen contra a ventá baleira
de luz,
e nada hai, e nada hai, e non
hai nada,
só esta escuridade mesta, a Sombra
que me asexa,
a alcoba pechada de silencios,
e fora, alá, o mar, o mar
sempre, sempre
o mar,
o eterno e mouro vazar da Morte…

Velan os ollos e nada ven,
e miñas son a sede e a inseguranza.
Ai!, viñera para estes ollos meus
a venda do celeste,
a voz nos meus oídos xordos
dos deuses benévolos,
o amparo dunha man, dun agarimo,
un conforto nesta hora
de tódalas horas,
cando sinto que todo, todo se me vai,
todo se me esvaece coma si a vida,
este meu vivir, os anos meus
a penas un sono foran,
un lampo de luz
que nas mans de cinza queda murcho…


Todo está neste mar, todo
está neste mar
que cos ollos cansos vexo ó lonxe, moi ó lonxe,
mentres os fiaños do solpor  veñen,
e preto de min sinto a Noite,
e na Noite os pasos da Sombra
que chega,
que chega de vagariño, solermiña,
infinda e posuidora…




(Do libro As voces da máscara. Centro PEN-Galicia. 2014)





Texto de Arcadio López- Casanova.

                                                                                                                         (Consello da Cultura Galega)