Páginas

miércoles, 22 de julio de 2015

DARDO POÉTICO (XXIII). Xoán Babarro González



   É un dos grandes escritores da LIX galega. Xoán Babarro González reúne todo aquilo que nós lles esiximos aos autores: honestidade, amor polo universo infantil, orixinalidade, respecto polo lector ou lectora, esforzo, palabra sincera e calidade literaria.

    
Todo isto e moito máis, podemos atopalo na ampla obra de Xoán Babarro. Unha obra modélica con forte presenza da literatura popular, os mitos, a musicalidade poética. Unha obra que toca os diversos eidos literarios: narrativa, teatro, poesía, ensaio. Unha obra premiada en diversos certames e valorada positivamente por todos os que amamos o valor da palabra e cremos fondamente nela.

     Xa lle dedicamos unha entrada na sección A luz das palabras, polo que non imos insistir nos detalles da súa traxectoria, porén, permitídenos que tomemos unhas fermosas palabras tiradas do seu último libro, As máscaras do profesor Robindra (Galaxia. 2015), que, escritas por el mesmo, o definen con humor  e fantasía:
         
     Xoán Babarro naceu un día en que o dragón Samamede cubría a súa crista cunha capa branca e vía como nas augas dea Limia paseaban, por entre os veos da brétema, o rei Arturo e a raíña Xenebra. Ao lado do dragón foi aprendendo os nomes da terra e descubrindo os seus feitizos. Xa de maior, coñeceu os bardos e os magos das palabras e, con eles, viaxou polas mil e una rutas do mapa”.

   En Versos e aloumiños estamos moi felices de ofrecer aos nosos lectores e lectoras textos da calidade de autores como Xoán.

   
     Desta volta, trátase duns poemas (haikus) da obra gañadora en 2013 do XIII Certame de Poesía  “Anduriña Voandeira” da Irmandade de Centros Galegos de Euskadi.

   Son fermosos, brillan por si mesmos. Son pura imaxe. Unha marabilla. Un luxo.

Xoán Babarro nun encontro con lectores

  
                         
                                                             DOCE  POEMAS




Luz de decembro.
O sol a arrandearse
no bambán curto.



Noite sen lúa,
tan só ti e mais eu.
Ollos de moucho.



Soñaba a arxila
baixo o nobre salgueiro.
Olas de plástico.



Arpa do inverno,
candeas no tellado.
Pobres sen teito.



Abrolla a viña.
Eu e ti, primavera
sobre a andoriña.



Ai, Fukushima...!
Sementa o prexegueiro
os seus farrapos.





Lúa redonda.
Namorados mirándonos
no noso espello.




Nacía Xuño.
Cachelas para ti
no sabugueiro.




A margarida,
contando sis e nons,
recorta soles.



Entra o outono
por ventás de figueira
feitas de adeuses.



Baixa o regueiro
con axóuxeres de aire.
Ti e eu na brétema.