Páginas

domingo, 18 de mayo de 2014

DESCUBERTAS FONOGRÁFICAS ( XII ) . BENY MORÉ



Para a nosa descuberta de hoxe, imos viaxar cara ás latitudes tropicais de Cuba, lugar que o director deste blog coñece ben, co obxecto de descubrir a unha das figuras máis importantes e interesantes entre as varias que produciu a pequeña illa. Falamos, claro está, de Beny Moré, un home dunha orientación musical profundamente ecléctica, a quen tanto lle tiña cantar o típico son cubano como boleros, rumbas ou mambos, pero que o facía sempre cun gusto exquisito e cun total coñecemento dos elementos ben diferentes que compoñen o universo musical de Cuba, dende os ritmos hispanos ata os compoñentes afrocubanos dunha música que posúe unha riqueza inesgotable. En Cuba, Moré non é simplemente un cantante popular que fixo unha serie de gravacións excelentes hai máis de medio século e que a xente lembra con nostalxia, non; máis ben é unha icona cuxa presenza é constante na vida cultural e no imaxinario popular da illa, como ben podemos apreciar nalgunhas das novelas de Guillermo Cabrera Infante, especialmente nos seus famosos Tres tristes tigres, que se queredes saber a miña opinión, é a súa mellor obra. Iso si, a música de Moré non naceu nun baleiro, senón que nos seus primeiros anos notamos a influencia de vocalistas anteriores a el, coma Antonio Machín ou Miguelito Valdés, pero non é esaxeración ningunha dicir que calquera músico cubano posterior a Moré está dalgún xeito influído pola súa música e pola súa imaxe. Nin máis nin menos.

Pero a súa vida non sempre foi doada, e o seu nome non sempre foi Beny Moré. Naceu en 1919 na pequena localidade de Santa Isabel de las Lajas, e os seus pais puxéronlle de nome Bartolomé Maximiliano Moré. Axiña marcharía para A Habana, onde nun principio non conseguiu traballo con ningunha orquestra e tivo que desenvolver varios oficios e cantar polas rúas ata que, aos vinteséis anos, comezou a actuar coa orquestra de Miguel Matamoros, con quen viaxou a México, naquel tempo un dos grandes centros da industria cinematográfica latinoamericana. Foi alí onde fixo as súas primeiras gravacións, e foi alí tamén onde trocou o seu nome polo de Beny Moré. Hai quen di que o troco tivo que ver co feito de que bartolo significaba burro no argot popular mexicano, pero a verdade é que Bartolomé Maximiliano non é tampouco un nome artístico demasiado atractivo. A RCA-Victor mexicana non tardou moito en interesarse por el, e Moré comezou a rexistrar discos acompañado por algunhas das mellores orquestras da época, entre elas as de Pérez Prado, Rafael de Paz e Ernesto Duarte. A súa produción discográfica amósanos  un vocalista dun talento indiscutible, tanto en pezas rítmicas e enérxicas coma “Bonito y sabroso”, “Qué bueno baila usted” ou “Donde estabas tú”, como en boleros románticos que se converteron en clásicos e entre os que cómpre salientar “Encantado de la vida”, “No puedo callar” e, sobre todo, “Cómo fue”, unha pequena marabilla que para sempre ficará ligada ao seu nome.

A voz cálida e evocadora de Moré é perfecta para os boleros románticos, xénero no que se concentrou cando por fin tivo a oportunidade de formar a súa propia orquestra. Din que era un home dun gran corazón e que se distinguía pola lealdade que inspiraba nos seus músicos, algúns dos cales, como Alfredo Armenteros, Alejandro Vivar ou Generoso Jiménez, se atopan entre os nomes máis importantes da historia desas big bands cubanas que tanto éxito acadaron nos anos corenta e cincuenta do século pasado. Aínda que non era quen de ler música, Moré tiña tamén boa man (ou, mellor dito, oído) para a composición, e da súa autoría son algunhas das súas cancións máis memorables, coma as xa mencionadas “Bonito y sabroso” e “Que bueno baila usted”. O mellor xeito de adentrarse na súa música é escoitar algunha das moitas coleccións dos seus grandes éxitos quen poden atoparse con relativa facilidade. Unha delas pode ser o dobre CD Lo mejor de lo mejor (BMG México), que contén unha boa mostra da súa música, sempre caracterizada polo eclecticismo, unha compilación imprescindible ateigada de excelentes cancións coma “La culebra”, “Hoy como ayer” ou “Me voy pa’l pueblo”. E xa que Moré chegou a especializarse na interpretación de boleros, un xénero que lle deu a oportunidade de explorar as rexións máis emotivas e expresivas da súa voz, convén ademais facerse con algunha das antoloxías dos seus boleros, como por exemplo, Canciones de amor (Sony Music), un CD no que podemos gozar con xoias coma “Mucho corazón” ou “¿Por qué pensar así?”, entre moitas outras.


Beny Moré encol do escenario, sempre elegante e espectacular


A música das orquestras que Moré dirixiu recoñécese pola enorme calidade e capacidade inventiva dos seus músicos e polo gusto exquisito dos arranxos, sempre máis preto do pop que do jazz, pero sen dúbida perfectos na súa función de arroupar e envolver a voz única de Moré entre a percusión e os instrumentos de vento. Trala Revolución cubana, Moré ficou en Cuba, e por desgraza, endexamais cantou en Europa nin nos Estados Unidos. Como resultado, o seu legado discográfico non é moi extenso, pero paga a pena descubrir as súas gravacións—feitas todas elas para RCA—e deixarse levar polas diversas cores da paleta sonora da súa voz, sedutora e evocadora unhas veces, e chea de ledicia e abandono rítmico outras veces. Moré rematou sucumbindo ao seu gusto desmedido polo ron, a bebida alcohólica cubana por excelencia, e morreu en 1963 a causa de problemas relativos ao fígado. Pero a súa imaxe de elegante galán e a súa música atemporal cativaron e seguen a cativar a memoria e o gusto musical de todo un país máis de cincuenta anos despois da súa morte. E, para min, esa é precisamente a definición dun clásico.

E como mostra do estilo inimitable de Beny Moré, ademais de como exemplo da súa presenza no escenario, déixovos cun vídeo no que interpreta, acompañado pola súa big band, a súa canción de maior éxito, o bolero "Cómo fue". Tanto a calidade dos músicos como a calidez da súa voz fan desta peza un clásico entre clásicos da música cubana.




                                            ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ.