Páginas

martes, 1 de abril de 2014

SENTADO CON PESSOA (VIII) "CADERNO DO NILO" de Cesáreo Sánchez Iglesias.



       Cando emprendo viaxe para visitar a Pessoa e sentar con el un pedazo, escoito a 5ª Sinfonía de Tchaikovsky, interpretada pola Orquestra Sinfónica de Chicago dirixida polo gran Claudio Abbado, recentemente desaparecido, pero endexamais esquecido. Hei de dicir que me gusta máis a música de cámara que a sinfónica (sen que esta deixe de emocionarme), pero, ás veces, deixarse levar pola ampulosidade do compositor ruso, resúltame embriagador.Necesito dese Finale. Andante maestoso- Allegro vivace, cos instrumentos  e as cordas nunha comuñón emotiva.
        
Peter I. Tchaikovsky

       Ocorre a miúdo. Unha música vibrante, envolvente, penetra no teu interior e sentes que te levanta, que fai que te ergas das caídas inesperadas e que recuperes o ánimo, para volver a sorrir e seguir cara a diante polas sendas da vida.
       
        Así que, con Pessoa, no meu punto de mira, rescatado pola música de Tchaikovsky, camiño co Caderno do Nilo, de Cesáreo Sánchez Iglesias, un poeta de longo percorrido (publicou o seu primeiro poemario no ano 1978), cunha obra sólida e de calidade contrastada.
        
        Sinto, ao ler este libro, que son un viaxeiro que non é quen de poñer remate á súa andaina. Sinto que a historia íntima do ser humano está contida nestes versos. E todo a través do Nilo, ese río mítico que nos convida a camiñar, a ver, a observar e a sentir.
          
Cesáreo Sánchez Iglesias
       Esta é unha viaxe chea de interrogantes (como deben ser as viaxes), que transcorre entre a observación atenta  da paisaxe e a da existencia. (No colo dunha nai un neno de grandes ollos de orballo, / en violeta debuxados. Mulleres de negro / entre os postos de froita, / onde unha man salfere cores doces, uvas…). Entre a observación da aprendizaxe que o lector constata da man do poeta, que permite habitar descoñecidos desertos que agochamos no noso interior.
        
        Nestes versos descubrimos perdas e unha maneira de navegar entre outonos secos, pasados mudos, irrealidades de luz e entre “camiños que se fan e desfan / sen querer morrer. Onde “ a illa ondula pequenas dunas de area / en breve sono adormecida”.
        
       Eu vou navegando, tamén, cara a Pessoa, coma “o día navega lento do onte ao hoxe segue a corrente / da memoria das augas”.
        
No río Nilo
       E así, igual ca o barco que me leva nunha navegación que non se deixa ver, vou chegando ata o poeta luso quen non sei se me agarda.
        
       Desta volta, non lle levo aforismos. Desta volta, preséntolle unha viaxe ao tempo e simultaneamente unha estadía fóra do tempo. Un itinerario transformador, que estimula no navegante-poeta, Cesáreo Sánchez, a necesidade de preguntar e procura “buscar algo que amar. facer da viaxe morada”.
       
        Cando chego onda o mestre, noto a Pessoa máis próximo que de costume. Os seus xestos son mornos e convidan a falar con el e deitar á súa beira a palabra poética de Cesáreo.
       
        Léolle, pois, o seguinte poema do Caderno do Nilo:


Cos seus limos de escura pálpebra
Outra imaxe do Nilo
foi cubrindo o Nilo a noite
máis clara, a casa do deus, a casa escura.
Os homes procuran nela os días dourados
coma dourados froitos procuran o seu nome.
O lugar do sagrado, aprende a me ollar

coma sombra conmovida.
Os tallados rochedos fan de linteis no alto e foron teitos,
danme aínda policromadas as estrelas.
Nun ceo azul imitan o ceo no seu día e na súa noite
de delgada lúa.

        
       Pessoa semella asentir. Non o podo asegurar, pero teño a impresión de que lle agradan estes versos, que son viaxe mais tamén inmobilidade; que son aventura, mais tamén íntima emoción; que son latexos e soños extraviados ao mesmo tempo.
       
        Sinto que estou perante un libro dunha riqueza infinita. Sinto que me cegan as luces das cidades e lugares que percorre (incluídos os espazos do corazón). Sinto que existen “cidades dentro da cidade e néboa azul e branca, / parada nun outro bosque de palmeiras / que mexen no vento / as súas gallas onde aniñou os pensamentos”.
        
       Sinto isto e moito máis, mentres lle leo en voz baixa versos e  versos. E sei que Pessoa entende  as miñas sensacións fondamente emotivas.
        
       Por iso, atrévome a lerlle en alto outro poema, sentado á súa beira. Non me treme a voz, xa que estou convencido de que don Fernando está a gusto co que leva escoitado.
        
       Eu comezo a ler:


No café o vello poeta cego non conta historias dóese
do tempo adolescente, coa súa voz
maxestosa.

Un rapaz vende xornais grita
anuncia vende leva
ás costas e vai vertendo as súas letras coma un saco roto
desangra no chan o que foi onte ou quizais non foi.

Todo retén os seus ecos. Nada di o que será,
eles e mais eu temos os mesmos deuses
as mesmas ingrávidas palabras.

No colo da súa nai adormecido,
un neno soña soños de azucre.

        
       Realmente intensos estes versos.
       
        Aquí o poeta apunta cara ao interior dos sentimentos acumulados ao longo da existencia das persoas que ve no seu camiñar. Persoas  que intentan traspasar (e moitas veces traspasan) o muro das dúbidas para seguir respirando; para seguir crendo na natureza do vento que nos acariña ou que nos excita.
        
       Ben sabe Pessoa de todo isto!
       Ao rematar, permanezo en suspensión no aire dos ecos lenes das palabras somerxidas máis alá da poesía.
        
       Son consciente de que estou á marxe, pero non sei canto tempo exactamente. estou ancorado nun mar inmóbil que me rouba o sentido.
        
       Cando volvo á realidade, está a orballar no ambiente. Non hai salaios, nin risadas dos cativos, nin ruídos de automóbiles, nin xeometrías que respiren a través dos seus trazos inflexibles que lles dan forma. tampouco chego a descubrir rutas marcadas polo dedo dos que moven os fíos do noso destino.
        
       Non, soamente Pessoa co sombreiro negro e os lentes enchoupados e percibo unha forza poética que chegou comigo e que me marca o camiño de volta.
        
Templo de Kom Obo
       Saco un pano e limpo os cristais do poeta.
        
       Deseguido, érgome e despídome con estes versos de Cesáreo Sánchez Iglesias:

       
                                                Nese tempo do irreversíbel son vou
                                                a través dos ollos do poeta.
                                                                                                       Vou desde as terras do gris azul…

       
       Cando me decato de que ninguén me pode oír ao lonxe, baixo a miña voz e, mentres camiño de regreso quizais a ningures, continúo a ler:
          
                                                               Busco na realidade
                                                               aquilo que non me é dado con palabras…


                                                                                                                                            ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO