Páginas

viernes, 4 de abril de 2014

ESCAPARATE POÉTICO (XXXIII) Claudio Rodríguez Fer






CLAUDIO  RODRÍGUEZ FER  (Lugo, 1956)



A ÁRBORE DA VIDA*

Entre a árbore da vida
e a árbore da morte
só a muller reenxendra
o desenxendrado polos homes.

Estivo na orixe
Claudio Rodríguez Fer
dando a vida.
Acompaña ata a fin
na dor
e aínda despois
da dor,
como absorbéndoa.
Está sempre
onde estivo,
acariñando.

A nai é o contrario do fascismo.





ANTICREDO **


Non creo en Creacións, pero si en creadoras.
Non creo en Deus, pero si nas deusas.
Non creo no Home, pero si en mulleres.

Non creo en partidos, pero si en partidas
Non creo nos votos, pero si nas botas.
Non creo en poderes pero si en mulleres.

Non creo nos fados, pero si nas fadas.
Non creo nos bruxos, pero si nas meigas.
Non creo en saberes, pero si en mulleres.

Non creo nos focos, pero si nas focas.
Non creo nos peros, pero si nas peras.
Non creo en deberes, pero si en mulleres.

Non creo nos cargos, pero si nas cargas.
Non creo nos cartos, pero si nas cartas.
Non creo en haberes, pero si en mulleres.

Non creo en min mesmo, senón en ti mesma.
Non creo nos creos, pero si en que creas.
No creo nos bicos, salvo se me bicas.

Non creo nos ceos, pero si en mulleres.







AVE NO BOU***

Auga negra da noite
Auga fervente do amencer
Auga asolagando espazo e tempo
Auga asolagando a angustia
Auga asolagando a auga toda do mar
Auga que só detén a detonación
Auga da que nace a ave das augas
A ave que emerxe e voa do bou
arrastrando compañeiro e camaradas
recollendo crías entre plumas de nube
Voando
Ave no bou
Eva no ceo






                                                    Homenaxe  ás mestras.  Ilustr. de Sara Lamas




* O poema A  ÁRBORE DA VIDA está dedicado a Cinta Rey, que quixo ser retratada por Amalia Álvarez Gallego (viúva de Alexandre Bóveda), ante a árbore da fraga da Caeira (Poio) onde fora fusilado o seu fillo Víctor Casas o 12 de novembro de 1936.


** O poema ANTICREDO está dedicado a Claudia Murici Silva e Claudia Delso Carreira.


*** O poema AVE NO BOU é unha lembranza a a angustia da nai moza Carmen de Miguel Agra, que preferiu suicidarse co seu marido, Ángel Nogueira Nogueira, e outros sete fuxitivos no bou Eva antes que seren apresados, no porto de Vigo, o 23 de abril de 1937.
Tamén, ás súas fillas Concha e Carmen e aos cronistas Xavier Costa Clavell e Carlos Fernández Santander.




 (Do libro Ámote vermella, editado por Ed. Xerais. 2009.)