Páginas

miércoles, 9 de abril de 2014

PASEOS POÉTICOS ( X ) POLA BEIRAMAR, ESCRIBINDO POEMAS BAIXO O INFLUXO DOS FAROS.


Esta vez paseei comigo mesmo. E fundinme co mar. Cos seus murmurios. Co seu rumor.

        Ao lonxe vin o horizonte e, segundo a miña posición, imaxinei unha cidade. Indescifrables eran  as liñas do seu contorno, porque aparecía, diante dos meus ollos cansos, toda cuberta de brétema.

        Foi un paseo poético pola beiramar.Na miña cabeza notaba como se mesturaban as palabras, os conceptos e certas cores máis ben apagadas.
 
Foto de AGT
        Pero atopábame ben. Avancei paseniño, sen deixar de ver o mar.
        Cada volta, sentín  máis o seu bruar ben dentro de min.

        Sentín a súa voz de sal, rouca e agradable a un tempo.

        Sentín os vestidos curtos das ondas que me provocaban coas súas pernas brancas e cristalinas. “Infelices”, pensei, e rin.

        Sentín que as  mareas  me chamaban, como se fosen noites sen varanda.

        Sentín que a vida tiña, no fondo, certas esperanzas de converterse nun océano que apertase bocas espesas e figuras atafegadas polos cataclismos habituais. Que lles ofrecese a todas elas as súas mans de espazo indómito.

        E, apoiado na varanda, pensaba e pensaba naqueles recunchos máis próximos á calma.
Foto de A. Piñeiro

        Sentín que o mar me falaba. Porén, non acadei comprendelo.

        Sentín que me chiscaba os seus ollos de ser misterioso e astuto.

        E non era así. Descubrín uns faros, coma atalaias fachendosas, que vixiaban os movementos mariños.

        Fiteinos dun xeito inquedante, retador. Non puiden soster a súa mirada.
 
Foto de AGT
        Era unha mirada penetrante que me invitaba a deter calquera instinto de enfrontamento.

        Así que recuei.

        Sentei nun banco. Tirei do bolso un caderno e comecei a escribir estes poemas a eles dirixidos.


         Poema1


Din que alumea
o mar  calado
e que nos conta
berros salgados.

Foto de Carmen Corbal.
Din que nos fala
dun xeito vago
dos horizontes
fríos, roubados.

Din que interpreta
cantos  dourados,
verbas  de  luz,
ritmos  pausados.

Faro na noite
acrisolado,
busca  as pegadas
do meu pasado.

        Cando rematei este poema, que saíu coma unha forza que me vencía, volvín ver o mar;  mais este permanecía calado diante desa luz movediza que se reflectía nel.

        Daquela, continuei a escribir pensando nos faros e todo o que aportan na inmensidade das augas.



        Poema 2


O home buscaba o cume
      doutras terras
Foto de Carmen Corbal
      alén do seu cuarto.
Asomouse á fiestra
      e viu unha cidade salgada.
Ao lonxe, un faro.
   Onda el, o gume dunha
                       navalla de bágoas
                  anegaba os seus ollos
                            de brétemas que estragan.
     Pechou a fiestra
                  e sentiu no seu rostro
                               as voces caladas,
                                     as chiscadelas de luz
                                            que o faro
                                                   apoiaba
                                                       na negrura do mar.


        Que dous poemas tan diferentes saíron de dentro!

        Volvín apoiarme na varanda, enruguei os papeis  e guindeinos contra o mar. Axiña, tiven a sensación de ter escoitado unhas gargalladas crueis entre rochas e refachos de vento.
 
Foto de AGT
        Ben é certo que non o puiden asegurar.
        Pero o faro mantiña a súa figura ergueita e desafiadora.


                                                                                         O POETA PASEANTE