Todos aqueles que vibran coa palabra poética están de boa sorte. Nos andeis das librarías hai xa
uns meses que vive “ Un rato díxolle á lúa”.
Fermoso agasallo, en forma de antoloxía, para o goce dos sentidos cuxo
autor é un dos máis representativos dentro do panorama da literatura infanto-xuvenil
das nosas letras. Antonio García Teijeiro, considerado polos estudosos un
clásico contemporáneo, leva máis de vinte e cinco anos compartindo e
contaxiando a poesía alá onde queira que vaia: encontros, aulas, obradoiros,
simposios…porque para Antonio a poesía é un xeito de vida. Produto destes anos
de traballo é esta atinada antoloxía na que se recollen máis dun cento de
poemas e que vén da man do tamén poeta, Fran Alonso, quen no limiar do libro
nos prepara para adentrarnos no mundo poético do autor: “…os poemas de Antonio
enredan polos nosos beizos, divertidos, lúdicos, pero tamén facéndonos sentir,
e pensar, turrando de nós
cos seus ventos de ideas e emocións brincadeiras”.
Antonio García Teijeiro convértese no mensaxeiro da palabra poética tecida
pola man dun artesán do verso cheo de ritmo e musicalidade que engaiolan. Poesía e música camiñan xuntos
polos poemas deste libro. Disto ben sabe o seu fillo Antón García- Fernández,
profesor universitario na Universidade de Tennessee en Martin,(Estados Unidos),
e autor do interesante epílogo titulado “Unha sonata feita de palabras”: “ Os
versos de Antonio son palabras feitas música, ou música feita palabras […] o
ritmo, a cadencia e o colorido das verbas son sempre fundamentalmente musicais
porque a música e a literatura conforman
os dous polos principais da vida de Antonio”.
Os poemas deste libro son unha mostra de todo isto. Prenden no lector dun
xeito directo, cun léxico coidado e cheo de expresividade axeitado á cadencia e
á harmonía. Xa que logo, podemos afirmar
que as catro vertentes do mundo poético, denominadas por Blanca- Ana
Roig, aparecen recollidas nestas páxinas onde a poesía é xogo, música, conto e
maxia.
Un rato díxolle á lúa é un tesouro lírico imprescindible, onde a palabra do poeta cobra vida na
voz e guitarra do gran trobador Paco Ibáñez da que podemos gozar co cd que
acompaña o libro.
Poema do libro con ilustración de Xosé Cobas |
Todo un luxo en formato libro, adubiado polas magníficas ilustracións de Xosé
Cobas, auténtico lirismo plástico, e amparado pola coidada edición de Edicións Xerais de Galicia.
Con Paco Ibáñez na presentación |
Alba Piñeiro