Na parte superior dereita do blog, na sección “Poema do mes”, vén de publicarse un novo texto de Antonio García Teijeiro. Coma o mes
anterior, nesta ocasión o poemario Chove nos versos, caracterizado pola
conxunción de chuvia e palabras, volve ser o protagonista. Na creación deste
libro, publicado por Edicións Xerais no ano 2004, xogou un papel moi importante
o xa falecido Lázaro Enríquez, bo amigo de Antonio e responsable do proxecto de
maquetación e desas ilustracións que reinterpretan a chuvia cun enorme sentido
artístico. Lázaro estaba entusiasmado co proxecto e quedou moi satisfeito trala súa conclusión e publicación. Helena Pérez tivo tamén moito que ver coa coordinación dun poemario
que contén unha homenaxe ao gran poeta celanovés Celso Emilio Ferreiro, ademais
de referencias ás obras de Nicolás Guillén ou Aquilino Iglesia Alvariño. O
libro inclúe poemas contra a barbarie da guerra, poemas-xogo e moitas imaxes
dunha innegable calidade estética e poética. Se premedes na sección do “Poema
do mes”, poderedes gozar cun novo texto extraído de Chove nos versos.
ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ
ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ