Páginas

sábado, 25 de mayo de 2013

PRESENTACIÓN DA ANTOLOXÍA "UN RATO DÍXOLLE Á LÚA"

  Unha das cousas máis fermosas que me poden suceder é que alguén antologase a miña obra poética para nenos/as e mozos/as en lingua galega.
Pois sucedeu.

Unha das cousas máis fermosas que me poden suceder é que unha Editorial queira, ouse nestes momentos tan duros para a cultura, publicar esa antoloxía.
Pois sucedeu.

Unha das cousas máis fermosas que me poden suceder é que Paco Ibáñez, un dos máis grandes trobadores da poesía, mestre dos mestres, que bebeu en Brassens, Damiá ou Brel, poña música aos meus poemas.
Pois sucedeu.
E non un só poema.
Senón tres!!!

Unha das cousas máis fermosas que me poden suceder é que ilustren este libro, dende o punto de vista da poesía da imaxe e mais a da delicadeza.
Pois sucedeu.

Unha das cousas máis fermosas que me poden suceder é que o libro sexa editado con agarimo e intelixencia, para que sexa un fermoso obxecto.
Pois sucedeu.

Unha das cousas máis fermosas que me poden suceder é que o libro leve un CD con tres cancións gravadas por Paco Ibáñez de maneira informal e que esas tres cancións sexan recitadas por min, acompañado pola guitarra de Paco.
Pois sucedeu.

Unha das cousas máis fermosas que me poden suceder é que o meu fillo, dende os EE.UU., escriba un fermoso epílogo á antoloxía.
Pois sucedeu.


 Así que todo isto é unha satisfacción que non podo nin quero disimular.





 Grazas a Manolo Bragado polo entusiasmo que amosou en todo momento para que o soño se fixese realidade.Difícil que sen a súa sensibilidade este proxecto chegase a bo porto.

Grazas a Fran Alonso, magnífico narrador e poeta, porque ninguén podía facer este labor mellor ca el. E, ademais, pola escolleita tan axeitada e o agarimo con que a fixo.E polo prólogo marabilloso e orixinal que escribiu.

Grazas a Anaír Rodríguez, a miña editora deste libro, polo gusto exquisito que ten e sirva coma unha mostra "O rato díxolle á lúa".

Grazas a Xosé Cobas por entender tan ben a miña poesía. Nas súas ilustracións a palabra e a imaxe van da man e, ao mesmo tempo, tanto unha como a outra son quen de ter capacidade poética propia.

Grazas a Paco Ibáñez, pola música que envolve os meus versos, polo agarimo amosado, pola xenerosidade que lle sae de dentro, por ser diferente aos demais, no mellor sentido da diferenza, por ser auténtico e por desprazarse ata Vigo para acompañarme e cantar neste acto.

Grazas a Román Raña, por encargarse de falar do libro como lector especializado en poesía. Porque é unha persoa seria e amable á vez, por non negarse endexamais a falar dunha obra miña. Grazas, ademais, por ser o meu amigo.


 Grazas, por suposto, ao meu fillo Antón García Fernández, polo epílogo tan brillante co que me agasallou. Dende a Universidade de Tennessee en Martin, escribiu un texto que me encanta e emociona.


E grazas a todo o equipo de Edicións Xerais de Galicia  pola súa tarefa que veñen realizando dende hai moitos anos, a prol da cultura deste país.
Amigos, admírovos moi fondamente. Un pracer traballar con vós.



Ilustración de Xosé Cobas


                                                                                   ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO