Páginas

domingo, 26 de mayo de 2013

GEORGES MOUSTAKI XA VOA COMA UN PAXARO

Georges Moustaki
"A amizade é o acougo. Si, na amizade todo está sosegado, sen misterio devorador, gardando unicamente as cousas máis esenciais. Por iso é necesaria a amizade para os amores, e o amor para as amizades. Complétase. Amo os meus amigos pola súa pel, polos seus defectos, polas súas debilidades, porque teñen unha mirada que me chega. Ás veces, quizais me alporicen, pero son cambios de humor, soamente".

Quen isto di, é Georges Moustaki, un dos grandes cantautores da historia, que faleceu o pasado 23 de maio en Francia.
Georges Moustaki, nacido Giuseppe Mustacchi no ano 1934 en Alexandría (Exipto) foi educado nun ambiente francés. Un ambiente culto e refinado que, logo, lle fixo descubrir a súa paixón pola música e pola pintura.
A Moustaki eu tívenlle sempre un agarimo especial. Descubrino a fondo antes que a Brassens e, pouco despois de Brel. Lembro o seu fascinante concerto en Vigo, do que saín emocionado hai xa moitísimo tempo.
As súas cancións, a moi coñecida Le metèque, Nadjejda e outras, poñíallelas noutrora aos meus alumnos de Francés, cando eu impartía esa materia no colexio.
Moustaki asistía, sen pretendelo, á nosa clase e todos eramos felices.

 Hai moitas cancións que me encollen o corazón, que me poñen a pel de galiña como La mer m´a donné 
(O mar deume/ a súa tarxeta de visita/ para me dicir eu invítote / a viaxar...), ou Le facteur  (O carteiro mozo morreu/ só tiña dezasete anos/ O amor xa non pode viaxar/ perdeu o seu mensaxeiro / Era el quen viña acotío / os seus brazos cargados con todas as miñas palabras de amor / era el quen traía nas súas mans / a flor de amor collida no teu xardín...)

Escoitalo en La solitude era perderte polas sendas da emoción feita palabra. Polo sentimento feito música (Por ter durmido tanto/ coa miña soidade/ téñoa case coma unha amiga/ un doce costume/ non me abandona nin un só instante/ fiel coma unha sombra / ségueme aquí e alá/ polos catro recantos do mundo/ Non, eu nunca estou só/ coa miña soidade...)

Moustaki chegou a París en 1951 e nacionalizouse francés en 1985. Alí coñeceu xente do peso especifico de Jacques Prevert, Boris Vian, Georges Brassens e, en 1957, a Edith Piaf, de quen se fai amigo e para a que escribe Milord, que a Piaf converte nun éxito clamoroso.
Georges Moustaki escribe grandes temas para moitas figuras da canción francesa: Yves Montand, Dalida, Barbara, Juliette Gréco, Henri Salvador e Serge Reggiani. Para este compón a marabillosa Ma liberté ( A miña liberdade / durante moito tempo gardeite/ coma unha perla rara / a miña liberdade / es ti quen me axudou/ a soltar as amarras / para ir a non importa onde / para ir ata a fin / de camiños de fortuna/ para coller soñando / unha rosa dos ventos / sobre o luar...)
Edith Piaf

 Cando Moustaki descobre a Brassens, muda a súa vida. Del tomou o nome de Georges e el vai ser quen o introduza no mundo da canción.
Georges Brassens
El mesmo explícao: "Cando coñecín a Brassens, non se trataba da canción senón do personaxe. Aínda que tivese outras preocupacións, causaríame a mesma impresión. Ademais, hai que ter en conta que foi el quen me proporcionou este gusto polo traballo ben feito, por unha certa esixencia".


 En 1969 grava o seu primeiro disco no que inclúe, Le métèque, un himno global na súa voz. É un traballo espléndido con cancións tan importantes como Il est trop tard, Gaspard, Le temps de vivre, as xa citadas La mer m´a donné, Ma solitude ou Le facteur etc. A partir de aí a súa carreira toma un rumbo espectacular convertendo a este home de aspecto paternal, cunha barba e un cabelo moi singulares, coa guitarra nas mans e cuns temas comprometidos, nunha figura que conseguirá marcar a varias xeracións de franceses e emocionar as xentes de moitos lugares do mundo.

Unha grave enfermidade levóunolo. A súa vida apaixonante apagouse, tras dar o seu derradeiro concerto en Barcelona no ano 2009. Nestes últimos anos pintaba, escribía e debuxaba.

Paco Ibáñez, que estará o martes na presentación de Un rato díxolle á lúa marchaba hoxe para Francia. Falei polo móbil con Julia, a súa encantadora compañeira.Estaban no aeroporto. "Paco está muy afectado. Eran como hermanos", díxome. Pensei no que lle afectan estas cousas a Paco Ibáñez, un ser de enorme sensibilidade e moi amigo dos seus amigos.
Hoxe estiven escoitando a Georges Moustaki toda a tarde. Unha delicia. Música delicada. Unha música que era a expresión da beleza da mestizaxe cultural, segundo palabras acertadas de Jack Lang.

Paco fará o esforzo de estar en Vigo.
Como llo agradezo, nestas circunstancias!
Chegará á nosa cidade entre o agarimo e a dor pola perda dun irmán, pero co espírito do vello meteco no seu corpo.
 A esquerda continúa perdendo persoas auténticas que a engrandecen.

 

Foise ao ceo azul
coma un paxaro por fin ceibe e feliz
e cando a súa alma o abandonaba
un reiseñor cantou en algures.





Georges, permíteme utilizar as verbas que lle dedicaches ao carteiro mozo.Son fermosas. Hoxe estes versos escritos sobre estas liñas son para ti.


Quero rematar con catro estrofas dese himno universal que Georges Moustaki  lanzou ao mundo para que xentes de todas as idades e culturas cantasen xuntas nun emocionante coro universal.

 LE MÈTÈQUE     (fragmento)

Avec ma gueule de métèque 
de juif errant de pâtre grec
et mes cheveux aux quatre vents 
avec mes yeux tout délavés
qui me donnent l´ai de revêur
moi qui ne rêve plus souvent.

Avec mes mains de maraudeur
de musicien et de rôdeur
qui ont pillé tant de jardins
avec ma bouche qui a bu
qui a embrassé et mordu
sans jamais  assouvir sa faim.
Con Aute, Marina Rossell, Paco Ibáñez...

Avec ma gueule de métèque
de juif errant de pâtre grec
de voleur e de vagabond
avec ma peau qui s´est frottée
au soleil de tous les étés
et tout ce qui portait jupon

Avec mon coeur qui a su faire
souffrir autant qu´il a souffert
sans pour cela faire d´histoires
avec mon âme qui n´a plus
le moindre chance de salut
pour éviter le purgatoire (...)


                                                          ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO


.