Páginas

domingo, 5 de mayo de 2013

CINE: O EXÉRCITO DAS SOMBRAS



Encántame o cinema. Apaixóname ir ás salas de proxeccións e centrarme unicamente no que contan as películas. Recoñezo que intento elixir moi ben o filme que quero ver.
Esixo calidade, teño directores nos que creo e son moi aberto ás filmografías de lugares variados. Gústanme as películas sinxelas, en canto á súa produción, pero necesito a intensidade nos guións, nos actores e nas actrices, ademais de que as historias estean ben narradas.
Por razóns de saúde, que non veñen ao caso, hai tempo que non vou a unha sala. Pero cada semana, venres, sábado e domingo, gozo dun cine ben escollido.
Teño preferencia polas películas de autor, as de cine clásico americano,  o bo cine europeo e doutras latitudes que engadan frescura á chamada sétima arte.
Ao cine español nótoo un pouco baixo nestes intres e quédome coas producións arxentinas, ben dirixidas, frescas e cuns actores e actrices moi sólidos.
Entre os meus directores favoritos están Lubitsch, John Ford, Billy Wilder, Truffaut, Bergman, Kirostami, Nicholas Ray, Woody Allen (aínda que non o que está a facer ultimamente), Dreyer, Win Wenders, Kurosawa, os Coen ou Scorsese, entre outros. Tamén me gustan os directores italianos do neorrealismo. Almodóvar déixame bastante frío.Que conste que non hai nada de snobismo no que digo. E non quero esquecer ese gran monumento cinematográfico de Coppola que é O padriño.

Bette Davis é a miña actriz favorita. Ela soa enche a pantalla e, ademais dos clásicos de sempre aos que non fai falla nomear (Mitchum, Brando, Peck etc.), quero salientar a Jack Lemmon, pola súa variedade de rexistros. Dos que son máis actuais, a miña preferencia anda por Daniel Day-Lewis, Jeremy Irons e Leonardo di Caprio. Quero, por outra banda, mencionar a Martin Scorsese por dúas razóns: por ser un gran director de actores e polas súas películas e os documentais que teñen a música cos seus xéneros e intérpretes como protagonistas.
Coma exemplos vallan The Last Waltz,  á dedicada aos Rolling Stones en concerto ou ese marabilloso documental con Bob Dylan de protagonista que é No direction home. E non esquezamos, por favor, as súas producións dedicadas ao blues, verdadeiras xoias dirixidas por grandes directores.
E a que vén esta opinión, así por riba, referida ao cinema? Unicamente a que despois de ver por segunda vez unha boísima película, O exército das sombras, un destes sábados en DVD orixinal (eu son aínda dos que mercan películas e non as baixan), volveume parecer maxistral. Así que decidín escribir un comentario
sobre o filme e repetir comentario cando outras películas  o merezan, segundo a miña opinión. Non serán críticas, senón opinións que axuden a que os interesados poidan recuperalas, revisalas ou descubrilas. Nunca serán novidades. Eu creo firmemente na relectura en literatura e na revisión no cinema.
O exército das sombras é unha adaptación dunha novela de Joseph Kessel, que nos presenta  as peripecias dos resistentes franceses contra a Xestapo e contra o goberno de Vichy.
Dirixida maxistralmente polo espléndido director galo Jean-Pierre Melville (Les enfants terribles, O confidente, O silencio dun home) esta película vén sendo unha homenaxe aos homes e mulleres da Resistencia Francesa durante a Segunda Guerra Mundial. Para min, unha obra primordial nesta clase de cine. Unha película de personaxes, exemplarmente levados á pantalla, dos que se nos amosan os erros, os seus acertos, os seus odios, as súas dores, as súas afoutezas e os seus medos. Seres case convencidos de que loitan en soidade e son, penso eu, conscientes da case
Lino Ventura
imposiblidade de saír vitoriosos. Narrada dende a omnisciencia do director e dun par de personaxes, van quedando claras, ao longo do desenvolvemento da película, as luces e as sombras dos comportamentos humanos. Uns seres humanos que defenden a dignidade e, sen eles querelo, están defendendo a maneira de resistir nunhas circunstancias extremas para continuar vivindo. A forma e o fondo van da man, maxistralmente concibidos por Melville. A tensión está presente en todo o filme e faise un protagonista silencioso e invisible que o espectador sente. Se entras de verdade no espírito do que se ve, convérteste nun resistente máis. E esa intensidade, da que escribía antes, vén dada, a miúdo, polos silencios que enchen a cinta manexados oportunamente polo director.
Película dura, áspera, con situacións delicadas e con moitos pequenos detalles que chaman a atención; por exemplo, eses esparadrapos nos lentes do protagonista cando salta en paracaídas. Curioso. Nada adozada, non lle sobran planos nin minutos inútiles, sobre todo, se temos en conta a súa duración que supera amplamente as dúas horas.
Simone Signoret
O exército das sombras ten unha repartición magnífica de actores, entre os que destaca a excelente interpretación de Simone Signoret, sobria pero emocionante, e a non menos excelente de Lino Ventura, que asume ser un dos cerebros do grupo resistente e realiza o seu papel con enorme contención para que sexan cribles as súas decisións, tan frías unhas, como as ditadas polo seu corazón, outras. Atopei un Lino Ventura dominador do seu rol, moi austero, cerebral e elegante.
En definitiva, unha cinta que che ten o corazón encollido pola atmosfera que crea e que che fai sentir moi preto de ti os personaxes dos que esqueces que son actores.
Cando remata, non sabes se esas  persoas eran insensatas ou tiñan as cousas ben claras. Se tiñan esperanzas e ideas ou eran uns seres estoicos dispostos a intentar que no seu país  se puidese falar de liberdade.
Gran película, cunha música envolvente que compaxina moi ben cos feitos que se narran  e axuda a crear esa atmosfera da que falei antes. Unha película que non precisa de alardes innecesarios para chegar moi dentro de quen a ve.
                                  
Jean-Pierre Melville
    
 
 FICHA TÉCNICA BÁSICA

 Título: L´armée des ombres.
Ano: 1959
País:  Coprodución italo-francesa
Director:  Jean Pierre Melville
Repartición:  Lino Ventura, Simone Signoret, Paul Meurisse, Jean- Pierre Cassol, Paul Crachet, Serge Reggiani.
Xénero:  Drama /  II Guerra Mundial

                                                                                    ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO