A piques de que
comece o “Ano Del Riego”, a quen se lle adica no 2023 o Día das Letras
Galegas, as editoriais poñen en marcha os seus motores.
Edicións Xerais de
Galicia vén de editar dous libros ben
interesantes como sucede cada ano para celebrar o día das Nosas Letras.
O primeiro deles
aparece da man e do saber do escritor e crítico literario Ramón Nicolás,
cun libro que leva por título Francisco Fernández del Riego. Vida e obra
dun obreiro do galeguismo, incluído na colección Xerais Libro X.
Trátase dun volume
moi interesante de carácter divulgativo. Escrito cunha prosa amena e directa, o
autor vai deitando unha biografía moi clara sobre don Paco, que nos leva, sen
dúbida, a entrar na súa complexa vida, chea de proxectos, feitos e
investigacións e que nos permite comprender as claves fundamentais do
galeguismo e da cultura galega no século pasado.
Cando un remata a
súa lectura, entende a chea de atrancos e dificultades que os pioneiros, e
neste caso Del Riego, tiveron que superar para dotar a Galicia dun espírito
intelectual e cultural de seu. Os diversos capítulos van levándonos por unha
vida chea de sobresaltos, fannos entender certas realidades e amósanos a figura
de Francisco Fernández del Riego como un home xeneroso, poliédrico,
comprometido e honesta.
Ao pechar a última
páxina do libro, un sente as ganas de afondar na persoa e nas múltiples
actividades que desenvolveu ao longo de moitísimos anos.
Isto é, sen dúbida,
o que Ramón Nicolás pretendía e abofé que o conseguiu completamente. Nicolás
escribe no limiar que “o propósito destas páxinas é o de ofrecerlle á
persoa interesada unhas claves sintéticas e apertadas, construídas desde o
respecto e a admiración, que posibiliten coñecer quen foi Francisco Fernández
del Riego e o que supuxo para a nosa cultura”.
O segundo libro
editado por Xerais na colección Merlín é da autoría de Héctor
Cajaraville, vai dirixido a un público máis novo e titúlase Francisco
Fernández del Riego. O legado silandeiro.
Cajaraville é
consciente da importancia de achegar a figura de tan eximio intelectual á
rapazada e á mocidade e sabe que debe escribir nun ton sinxelo pero sen
concesións. As primeiras páxinas teñen como obxectivo centrar a figura de don
Paco e destacar a súa importancia como un dos intelectuais máis relevantes da
nosa historia e engade “non só polo seu labor persoal, senón porque grazas ás
súas iniciativas foron moitos os autores que puideron dar a coñecer e ver recoñecida
a súa obra”.
Gústame o espírito do libro que é fiel ao concepto que enmarca todas esas iniciativas no “galeguismo”, que, para quen isto escribe, é o fundamental dos seus variados proxectos.
Ao longo da obra imos vendo as distintas etapas da súa vida: a posguerra e os “anos da fame”, a creación da editorial Galaxia (“o máis emblemático fito do ´segundo rexurdimento´ da cultura galega tras a Guerra Civil”), a revista Grial, outros proxectos como a Fundación Penzol, a súa faceta de escritor entre os anos 1997-2010. Cómpre destacar a inclusión dun Epistolario que inclúe cartas de Álvaro Cunqueiro, Valentín Paz Andrade, Ramón Piñeiro, Celso Emilio Ferreiro, Antonio Fraguas, todos eles galeguistas sobranceiros que compartiron con Del Riego moitos das súas inquedanzas culturais. Entre as cartas figura unha moi agarimosa enviada a Héctor Cajaraville, autor desta obra. Non falta no libro unha cronoloxía, a súa obra publicada, os recoñecementos acadados por don Paco e unha bibliografía selecta
Por se fose pouco
inclúe unha presentación audiovisual, a través de código QR, onde Cajaraville
fala sobre Fernández del Riego.
Ambos volumes son
dun interese ben grande. Os dous reflicten a función de Del Riego, na súa longa
vida, coma un alicerce ao redor do cal se artellou o difícil traballo conxunto
entre os intelectuais do exilio e dos que permaneceron no interior.
Dous libros amenos e
sedutores, en principio dirixidos a dúas clases de público, que se len con
moito pracer.
Antonio García Teijeiro