O grupo de música folk "Volta e dálle" |
Eu non adoito facer panxoliñas. Eu fago poemas con sabor a Nadal.
Son poemas críticos, pero cheos de esperanza.
Creo e confío nos nenos e nas nenas para que todo vaia a mellor.
Eu son dos que pensan que a mocidade ten moito que dicir na sociedade.
Son optimista no tocante á forza e ás inquedanzas sociais das mozas e dos mozos. Sempre foi así.
Dicía que eu fago poemas. E, cada vez con maior asiduidade, teño a inmensa fortuna de que músicos, intérpretes, compositoras etc. lle poñan música a eses poemas, porque eu amo fondamente a música e a fusión dela coa poesía.
Desta volta foi o grupo folk Volta e dálle quen puxeron unha fermosísima música a un destes poemas. Trátase d´A luz do Nadal e soa de marabilla, algo que me emocionou.
Así que podedes escoitalo e gozar dun traballo moi ben feito.
Grazas, amigos.
Este é o poema:
A LUZ DO NADAL
Os nenos camiñan
e xogan e brincan
na rúa calada
que cobren de risas.
E inventan trouleiros
palabras de neve
que borran as penas
que a terra non quere.
Cantigas e risas
veñen anunciar
que peta na porta
a luz do Nadal.
Un Nadal que amose
como vai a vida.
Un Nadal que cure
con paz as feridas.
Un Nadal
que abrigue.
Un Nadal
Turrón!
Un Nadal
que acougue
Un Nadal
Canción!
E este é o vídeo que encherá de ledicia a toda aquela ou aquel que o escoite.
Marabilloso