Páginas

jueves, 22 de diciembre de 2022

ANDEL DE NOVIDADES (4) Dous libros de Neira Vilas, adaptados á "Lectura fácil", un necesario proxecto da Editorial Galaxia

 




Hai proxectos literarios que merecen un aplauso indiscutible. Son proxectos que humanamente resultan dun valor social incalculable.


     Convén deterse neles. Recibín da editorial Galaxia dous volumes de Xosé Neira Vilas que me chamaron a atención: Memorias dun neno labrego e Espantallo amigo. Ambos os dous levaban na tapa, ademais do selo da editora, outro que dicía “Lectura fácil”.

Daquela pensei: unha adaptación máis das que existen no mercado e que a min tan pouco me gustan. Deilles voltas aos libros e reparei axiña en que o texto non estaba completo, que había uns cadros nas marxes a xeito de dicionario que definían palabras e as frases dos parágrafos eran moi sinxelas.


     Curioso como son, púxenme en contacto con Francisco Castro, director de Galaxia, para que me aclarase de que ía esta iniciativa que eu descoñecía ata ese momento.

Francisco Castro, coa amabilidade que o caracteriza explicoume o proxecto e fiquei moi contento.

     Lectura fácil é un estándar internacional polo que se certifican unha serie de obras que se adaptan para que as persoas con discapacidade intelectual as poidan ler.

Xa anteriormente publicara Galaxia Vinte mil leguas baixo dos mares, nada máis chegar Castro á dirección da editorial. Francisco castro é unha persoa moi sensible a temas coma este e é algo que se agradece.


     Os libros de Lectura fácil son editados con letra grande, aliñada á esquerda e todas as frases teñen que ter suxeito, verbo e predicado. Non poden ter máis. Están escritos nunha linguaxe moi básica e sinxela. Nas marxes da esquerda e da dereita levarán uns cadros que expliquen unha palabra que non puido ser substituída por outro sinónimo máis doado de entender.



     Son libros preparados por persoas especialistas que traballan no eido da discapacidade intelectual. Concretamente Memorias dun neno labrego foi adaptado por Lucía Gómez Álvarez e Espantallo amigo, por Desirée Silva Bernárdez, que realizaron un axeitado traballo de edición. Este último foi ilustrado por Xaquín Marín, con ese estilo tan persoal e atraente que o caracteriza.


     Estes libros teñen que pasar moitos filtros e deben cumprir uns estándares técnicos de edición.

Por exemplo, a ilustración, na medida do posible, ten que ser realista e non hai que poñerse moi poético á hora de ilustrar porque estas persoas, se fose así, non lle acabarían de ver a relación co texto, malia que lles poidan gustar as imaxes.


     Non cabe dúbida de que é un reto editorial precioso e moi ilusionante.

É de xustiza que estas persoas teñan materiais adecuados para  ler en galego, un dereito básico que se debe fomentar.

Parabéns moi sinceros á editorial Galaxia por este proxecto imprescindible para que a inclusión literaria en galego sexa algo real.

                                                                                                                    Antonio García Teijeiro