Teño nas mans o primeiro
exemplar adiantado do poemario No xardín do poeta, un libro polo
que levaba devecendo hai ben tempo.
Este poemario foi adiado por
mor da pandemia e as súas secuelas no eido editorial
No xardín do poeta é
unha homenaxe clara, definitiva, a ese gran poeta que é Federico García
Lorca, a cuxa traxectoria tanto lle debo.
En todo o libro, os versos
do poeta de Fuentevaqueros teñen unha presenza continua. E con eses versos, co
seu espírito, nacen os meus, continuación literaria da fondura lorquiana e
pasean felices por un xardín lírico despois de dialogar cos do gran Federico.
E atopamos nese xardín
marabilloso, ao que accedín pola necesidade de ulir as súas flores, poemas de
formas varias e medidas diversas; poemas musicais, rítmicos, cheos de luz,
lúdicos, que intentan ser brillantes e, sobre todo, vitais, porque son froito
da conversa íntima entre dous poetas que aman a vida.
Pero o poemario non sería
tran atrente sen a ollada lírica, tenra, intelixente do seu ilustrador, Víctor
Rivas.
Víctor non puido captar
mellor o que agochaban e mostraban os poemas deste libro. De aí que as súas
ilustracións procuran -e conseguen- fundirse co pensamento poético destes
versos para crear criaturas que danzan con eles e danlle unha segunda vida.
Estou moi satisfeito co
resultado final deste libro, No xardín do poeta, e agradezo a Edicións
Xerais o agarimo e o coidado que puxeron dende o primeiro día na
elaboración deste poemario tan querido por min e que ve a luz na colección
Merlín.