Non hai moito tempo que Versos
e aloumiños publicou unha magnífica obra teatral, unha delicia, de Raquel
Castro.
Así que non imos abundar
aquí sobre a interesante traxectoria desta autora que enche de teatro e de
ilusións o panorama da nosa LIX.
Raquel enviounos un texto magnífico sobre
“profes que escriben”. Pareceunos tan interesante que decidimos publicalo para
deleite dos e das nosas seguidoras.
Gozade con el porque paga a pena.
Unha vez máis, prezada Raquel, moitas
grazas.
|
Raquel Castro |
Profes que escriben
Hai
un par de anos, ía polo corredor do meu instituto abríndome paso entre alumnos
e alumnas que, coma min, facían cambio de aula. De súpeto, unha alumna, á que
eu non lle daba clase, encarou comigo.
-
Ola, ti es a profe que escribe, non?
Ao
principio non souben que contestarlle. Dicirlle que si, antollóuseme un alarde e responderlle cunha frase tipo “ Todos os profes escribimos” unha parvada,
que a rapaza non merecía, despois de que se atrevese a falarme no corredor. E,
entón, respondín cunha pregunta e saín do paso.
- E iso?
- Porque lin o teu último
libro e gustoume moito. Díxome ela.
Aquela
mañá andei radiante polo instituto. Fixérame inmensamente feliz que unha
alumna, á que non lle daba clase, se tivese achegado a un libro meu e, por
suposto, que lle gustase. Se o libro lle dixera algo a aquela rapaza, xa valera
a pena escribilo.
|
Agustín Fernández Paz |
Coñecín
a Agustín Fernández Paz cando comecei a traballar no ensino público, el xa era
un escritor e un profesor consagrado e eu tiña que substituílo por un mes.
Conservo del, escritos a man, dez folios onde me dá instrucións de como
afrontar as clases con cada grupo. Tamén conservo, xa no curso seguinte, o
recordo dunha conversa , xantando no Carballiño, na que me dixo que tiña a
sorte de ter as dúas profesións que máis lle gustaban: profesor e escritor. Ser
profesor permitíalle estar sempre en contacto coa xente nova, en contacto con
aqueles e aquelas para quen escribía. Certo que tamén me dixo que ser profesor
lle daba de comer e lle permitía dedicarse a ser escritor, profesión que lle
daba moita satisfacción, pero da que non se podía vivir.
Agustín
non é o único exemplo de profesor que escribe para lectores e lectoras da idade
do seu alumnado. Poderiamos citar tamén a Fina Casalderrey, a Helena Villar Janeiro
ou a Antonio García Teijeiro entre os máis prolíficos. O contacto coa xente
nova fai que se vexa a súa problemática
de forma directa, de primeira man e, tamén, permite coñecer os seus gustos
literarios e os ocos que quedan por encher, aínda, canto a temáticas e a
xéneros no mundo editorial.
Eu
traballo con adolescentes. Esas persoas que, como adultos, acostumamos mirar con certa condescendencia. Aos
problemas da xente nova non lles damos importancia e clasificámolos baixo
etiquetas tan pouco acertadas coma “está na idade do pavo” ou “xa lle pasará, está na idade da bobeira” para non darlles importancia á infinidade de
problemas que xorden cando unha persoa pasa da nenez á idade adulta.
|
Fina Casalderrey |
Moitos
destes problemas teñen que ver con presións sociais ou familiares que, ás veces,
non son directas, mais iso non implica que non estean no aire, na atmosfera que
respiran de forma sutil, esperando para colárselles nalgún oco do seu cerebro.
Que
pode levar a unha adolescente a pecharse no seu cuarto? Que ocorre na cabeza
das mozas que no canto de saír e divertirse, se agochan e tentan pasar
desapercibidas, como se a vida non fose con elas? Este é o problema que tento
enfrontar en Dormente, a miña última
peza teatral.
|
Helena Villar Janeiro |
Non
é a primeira vez que boto man dos contos tradicionais para achegarme aos
lectores e lectoras. Gústame darlles a volta aos contos, aos contos que nos
contaban de nenas. Aínda que pareza que
hai distancia entre a Dormente e as mozas do século XXI, só tedes que consultar
nas redes, como é un príncipe ou unha princesa dos nosos días. Como se pode
falar así? Temos que ser princesas ou príncipes?
|
Antonio G. Teijeiro |
Sabedes
como debe ser unha princesa do século XXI? Unha das primeiras entradas do
buscador dinos que as princesas de hoxe deben ser seguras e crer en si mesmas,
intelixentes, responsables e, ademais, non abandonarán nunca os seus
obxectivos, esforzaranse sempre, preocuparanse polos demais, mirarán o lado
positivo das cousas, coidaranse e serán valentes. A priori podemos pensar que
son calidades positivas, se as comparamos con aquelas que tiñan as princesas
dos contos tradicionais das que o seu espertar dependía do bico dun príncipe,
mais eu se teño que posuír todas esas calidades xa me dá algo, o nivel de
esixencia é tanto que me asfixia.
En
A formiga fóra do carreiro, outra
peza teatral, tento amosarlles o importante que é escoitar o teu corazón á hora
de escoller. Nesta idade tómanse decisións constantemente e non é nada fácil:
inglés ou francés, mates ou latín, a roupa que poñer, as actividades ás que
anotarse, falar co rapaz ou rapaza que che gusta, caer ben, ir ao bacharelato
ou facer un ciclo, seguir estudando ou poñerse a traballar, atrévome e falo
galego ou non me complico e falo castelán.
Si,
porque falar galego nos nosos institutos é un acto de valentía. A rapazada que
fala galego cóntase cos dedos das mans e aqueles e aquelas que chegan falando
galego, apártano nun caixón e, chegado o Nadal, xa son castelán falantes de
cara á galería, que todo o pode. Disto fálolles en A vendedora de palabras, unha das primeiras pezas que publiquei.
Escribir
converteuse nunha necesidade para poder traballar co meu alumnado nas aulas de
teatro calquera tema. Un xeito de comunicación activo e directo que me achega á
rapazada, porque me axuda a escoitalas e escoitalos sen filtros e aprendo cada
día coas súas experiencias.
Escribir
obedece, tamén, e penso que as autoras e autores arriba mencionados senten o
mesmo, á necesidade de facer lectores e lectoras, de que a mocidade se achegue
ás bibliotecas, colla libros e os devore. A lectura, que tantos beneficios nos
aporta, non está de moda entre os máis novos. Cando un alumno ou unha alumna
len moito, máis alá das lecturas “obrigatorias”, celebrámolo coma un acto
heroico, porque non é o habitual, por iso escribir literatura infantil e
xuvenil convértese nunha especie de obriga para as profesoras e profesores que
desexamos atopar o tema, o fío que os enrede coma gatiños detrás do novelo.
Di
Ursula K. Le Guin en The Wave in the Mind
: Talks and Essays on the Writer, the Reader, and the Imagination “ O que ocorreu cos contos e cos poemas logo da invención da
imprenta é algo estraño e terrible. A literatura perdeu a voz. Agás no
escenario, quedou en silencio. Gutenberg púxonos un bozo.”
Raquel
Castro, 23 de agosto de 2021