Páginas

lunes, 7 de junio de 2021

FAÍSCA (10) "Na procura dos trazos humanos e poéticos do mar"

 




Sen dúbida o mar é unha das lembranzas máis significativas na miña vida. Os meus primeiros medos diante desa masa enorme de auga permanecen na miña memoria xunto co pracer que, unha vez superado ese inicial temor infantil, me produciu sempre ao mergullarme nas súas augas cristalinas.

Teño para min que as miñas veas son de auga salgada. Amo o mar fondamente. Sinto auténtica emoción perante as súas flutuacións, os seus bicos deitados na area, o seu recendo fresco e intenso, os ronseis máxicos que van deixando as embarcacións que o sucan acotío, as ondas que chiscan os seus ollos para que nos deixemos abanear docemente nos seus brazos de escuma.

 


Por todo isto e por tantas outras cousas, a miña obra sempre estivo tinguida de mar. Porén, faltaba algo: dedicarlle un libro completo a esta miña paixón mariñeira. Foi tanta a emoción sentida, cando me puxen a iso, que o mar, calmo ou tempestuoso, me levou a escribir tres poemarios dirixidos á rapazada, Un deles, Poemar o mar, atinguiu un recoñecemento inagardado e conveteuse no referente esencial do meu proxecto salgado. Quixen presentar os poemas deste libro como unha homenaxe a un espazo que me conmove decote. 



     O mar nas súas múltiples facetas lúdicas, pero tamén tráxicas. Un mar que ronca, que molla os versos, que chora por dentro e cala por fóra, que ten trenzas, pero que tamén é berce de naufraxios. e vítima da inmundicia deitada pola maldade do ser humano. E tratei de facelo cunha linguaxe rica, fresca e con imaxes suxestivas.

Intentei con estes poemas fundir a emoción mariña coa emoción poética e facer partícipe ao lectorado da forte capacidade que o mar posúe como eixe creativo.

 

Ilustración de Xan López Domínguez para "Poemar o mar"

Porque se pode falar do mar de moi distintas maneiras. Cando eu me enfronto a poetizalo, intento fuxir da creación dun catálogo dos elementos e dos seres vivos que o forman. Intento conxugar os sentimentos mariños cos meus sentimentos persoais e darlles capacidade poética. 


Procuro crear un todo e ir amosando o espírito do mar coma un personaxe que temos aí  para velo e escoitar as súas verbas, que nos agarda, que nos chama, que nos ama e que forma parte da nosa vida. Unha personificación, en definitiva, chea de trazos humanos, recoñecibles, na busca dun respecto grande por parte do lector, cun contido lúdico e fondo á vez.

 

                                                                                                                    Antonio García Teijeiro


Ilustración de Xan López Domínguez ("Poemar o mar")