Páginas

viernes, 5 de marzo de 2021

REMUÍÑO DE LIBROS (74) "Gelsomino no país dos mentiráns"

 





TÍTULO: Gelsomino no país dos mentiráns.

 

 

AUTOR: Gianni Rodari.

 

ILUSTRACIÓNS: Pablo Otero.


 

EDITORIAL: Kalandraka


Colección SETELEGUAS

 


Gelsomino no país dos mentiráns é un fermoso, máxico e tenro conto no que podemos observar despregado o fantástico universo creativo de Gianni Rodari, onde todo é posible e as fronteiras entre o real e o irreal imperceptibles, ademais de facernos reflexionar sobre o abuso do poder na falta de liberdade, as consecuencias da mentira e a discriminación do diferente.


     Gelsomino é o protagonista desta historia, un personaxe entrañable que naceu cun poder na súa voz, o que lonxe de achegarlle beneficios, vaille provocar unha serie de inconvenientes que será quen de superar grazas ao esforzo, á xenerosidade e á amizade daqueles, que coma el, cren na existencia dun mundo mellor, máis xusto e plural. Xa de cativo tivo que enfrontarse á recriminación da súa potente voz porque facía esnaquizar todos os cristais da escola. De mozo, coa axuda da súa voz podía recoller a froita que caía dende as pólas sen necesidade de nada máis. Pero canso de ser o centro das miradas decide marchar, deixar atrás a súa vida e chega así ao País dos mentiráns, onde decobre que dicir a verdade está prohibido e castigado. Será grazas á axuda doutros personaxes incribles (o gato Trespés, o pintor Plataniño, o xeneroso Benvido Sempre Erguido…) dotados tamén dunhas capacidades especiais como conseguirán acabar co gris da ditadura que obrigaba a mentir, e pintar de cores a nova sociedade baseada na liberdade,  na variedade e na xenerosidade.


     A súa estrutura en vinte capítulos curtos con títulos moi suxestivos e unha linguaxe expresiva chea de trazos humorísticos cativan o lector e fano cómplice ao longo de todos eles. Ademais conta cun epílogo e un compendio das cancións que interpreta Gelsomino.


     As ilustracións de Pablo Otero están en sintonía co texto e danlles vida aos diferentes personaxes dese mundo marabilloso de Gianni Rodari.


     Magnífica iniciativa da editora Kalandraka de achegarlles aos lectores novos os clásicos da literatura infantil e xuvenil universal a través das súas reedicións moi coidadas tanto na estética coma nas traducións dos textos. Desta vez podemos ler a Gelsomino na nosa lingua grazas á tradución de Isabel Soto.


Páx.15:”Gelsomino(…)era leal e sincero coma a auga clara.”

Páx.27: “ Recoñezo que son un gato algo especial. Por exemplo, tamén sei ler e escribir. Non en van son o fillo dun xiz da escola.”

Páx.172:”As súas mentiras servirán para recordarlle á xente que un día, naquel país, reinou un gran mentirán, e que unha canción ben cantada abondou para rematar coa súa opresión.”

 

                                                                                                           ALBA PIÑEIRO