ELVIRA RIBEIRO TOBÍO (Cerponzóns,
Pontevedra, 1971)
Mil cores
Mar irisado,
mar de coral,
mar cor de lúa,
mar cor de gran,
mar azulino,Elvira Ribeiro Tobío (Foto Nós)
mar azafrán,
mar de cobalto,
mar verdemar,
mar de violetas,
mar de mazá!
A nena pirata
Quero ser unha pirata,
gobernar unha goleta,
con sombreiro de tres puntas,
pantalón de tres pesetas.
Quero ser unha corsaria,
almorzar sopa de aleta,
agochar os meus tesouros
na praia da Castañeta
e durmir a par do mastro
vendo pasar os cometas.
Quero ser filibusteira,
esa é a miña meta.
Mentres agardo ese día,
mentres preparo a maleta,
navego co meu avó
na súa dorna, a “Violeta”.
Catarina e as ondas
Catarina caza ondas
en táboa lanzal,
rosada,
azulina.
Mar espiral,
serpe enroscada,
salgada,
volta,
revolta,
caudal
colosal.
Onda galopina,
redonda,
manancial
de auga cristalina,
escuma
nival
de blonda
tan fina.
Salta
na lomba,
no alto,
na cima,
surfeira xenial,
asombra
a danza das ondas
que fai
Catarina.
(Do libro Mar de mazá,
editado pola Editorial Galaxia.2020)