Rebelde sen facer xestos
inútiles. Sensible sen caer en estúpidas sensiblerías. Loitadora a prol da
xustiza social. Poeta ata o máis fondo do seu ser.
Así é, entre moitas cousas, Fátima
Domínguez Silva.
A súa forma de rebeldía é a escrita.
Bendita escrita que nos fai sentirnos moi a gusto coa nosa contorna.
Dende que a coñecín, hai uns anos, nos
Xogos Florais en Ponteareas, non deixou de medrar poeticamente. As súas
lecturas son fondas e son, ademais, un
mar de suxetións para que a súa poesía se faga sólida.
É unha traballadora do verso. Sempre
atenta a todo o que acontece ao seu redor.
Queriamos que estivese na luz
das palabras e aquí está, transparente, como é ela, e insatisfeita polo
que se respira nunha sociedade desapiadada, mais endexamais derrotada.
Grazas, Fátima, pola túa xenerosidade
e pola loita a prol da lírica.
Fátima Domínguez Silva |
Á sociedade sempre lle incordiaron as persoas sensibles, rebeldes, loitadoras e soñadoras. E nacín así. Por veces, sentía que estaba nun mundo que non me comprendía e comencei a refuxiarme na música e na poesía.
(Fátima Domínguez Silva)
Con Fátima en Ponteareas |
AUTOBIOGRAFÍA
Nacer
cun fío de osíxeno
e todas as loitas perdidas.
O home da bata branca
desafiúzame
cruelmente.
As negacións
son trampolíns
onde comeza a vida.
UN HOME
COMÚN
X: fame
serpe amarela que fende o
hipotálamo
Y: soidade
marioneta -con pulso- esquecida no faiado.
Estas son as coordenadas da
miña inexistencia.
No pentagrama da noite son
unha nota feita mudez.
Déitome sobre o almadraque de cartón coma
se recostara
na esponxosa meixela do vento
e ovaciono ós enérxicos monólogos
dos meus intestinos.
Navegar pola loucura
ás veces
sálvame.
Alboradas sen rumbo.
Desexaría somerxerme no seu
mar de fitas de cores e desaparecer.
A muller do bolso de Coco
Chanel cúspeme cromosomas de odio.
A mirada lírica desa nena
pregúntame se teño fame
comeríame ata
as espiñas do medo e as vísceras do sol.
Continuarei a ser unha
marioneta,
unha nota feita mudez
ancorada
ás marxes da vida.
********************************
Unha flor de neve
brotando na memoria.
Todo recordo e non recordo
é unha hemorraxia invisible
que mingua o corpo.
A dor incesante
das ausencias ficticias
agosta o corazón.
Deixarse arrastrar
sen resistencia
ata o fondo dunha aniquilación
impreganada en nostalxia.
Unha flor de neve
como memoria.