Páginas

lunes, 1 de febrero de 2021

ARREDOR DOS MEUS LIBROS (I): Antonio fala da súa poesía infantil publicada entre os anos 1988 e 1999


A produción literaria de Antonio García Teijeiro esténdese ao longo de máis de tres décadas e comprende obras en diversos xéneros (poesía, narrativa, divulgación pedagóxica, etc.), tanto en galego como en castelán, por non falar de traducións a outras linguas. Nesta nova serie de vídeos, Antonio conversa co seu fillo, Antón García-Fernández, arredor dos seus libros máis salientables. A idea é simplemente que Antonio lembre algunhas anécdotas e partille algunhas impresións persoais encol de cada libro e do seu proceso de composición.

A primeira entrega da serie está adicada á poesía infantil e comprende unha conversa duns cincuenta minutos de duración, dividida en dúas partes. A primeira delas abrangue os anos entre 1988, cos primeiros poemarios infantís de Antonio (Coplas, Nenos e Aloumiños), e 1995, xusto antes da publicación de Na fogueira dos versos. Podedes vela e escoitala aquí:




A segunda retoma a conversa no intre da aparición de Na fogueira dos versos en 1996 e chega ata finais da década dos noventa. Nesta segunda parte, Antonio fala da importancia que para el tivo este libro e lembra a emoción que lle supuxo ler algúns dos seus poemas perante unha audiencia internacional na Universidade de Padua co gallo do galardón Pier Paolo Vergerio. Podedes atopar esta segunda parte da conversa aquí:



Agardamos que vos pareza interesante e prometemos que este proxecto terá continuidade ao longo dos vindeiros meses. A intención é que Antonio chegue a falar practicamente de todos os libros que compoñen a súa xa extensa bibliografía.


                                                    ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ