Páginas

miércoles, 8 de julio de 2020

A ESTELA DO "FARO" DENDE A MIÑA FIESTRA (2)


    Foto de Ricardo Grobas






                                            




                                      DE LIBROS

                                                                                                   Antonio García Teijeiro


Na miña casa non había libros. Ou, para ser exactos, algúns adornaban simplemente un fermoso moble inglés de castaño con vidros, mesturados con figuriñas variadas. Porque facía bonito velos a través do cristal. Deses libros, que habitaban para seren admirados pola beleza da súa edición –lombos de cores elegantes- en consonancia cos demais obxectos, só salvei Platero y yo de Juan Ramón Jiménez.

     Para iso servían os libros en xeral. Para iso e para ter que escoitar na casa que non estudaba dabondo e que non lía pola miña dedicación ao deporte. Foi este un argumento que se lles volveu en contra cando comecei a ler sen parar.
Daquela, non tardei en poñer en desorde e  a cuestionar os principios que sustentaban a ideoloxía paterna. Como non gustaban as miñas opinións sociopolíticas da época, meu pai - a quen tanto quería - sorprendeume afirmando moi amolado que os libros me volveran tolo como a Don Quixote. En fin…
Se no meu fogar non había libros, no colexio no que cursaba os meus estudos, aínda menos. Lembro unha biblioteca – co carteliño sobre a porta, iso si-  pechada e sen ningún volume, utilizada só para certas actividades non moi edificantes. Eran tempos escuros.

     
O primeiro libro literario que me impactou foi La familia de Pascual Duarte. Antes, ademais dos tebeos ou os betsellers americanos, un agasallo dunha enciclopedia -que tan ben lucía  no comedor da miña casa- a lectura literaria era terra erma. Co libro de Cela aprendín a coñecer o valor da literatura como arte capaz de facer madurar o ser humano na súa formación tanto ética coma estética. Logo viñeron textos de Cunqueiro, de Carlos Casares, de Neira Vilas que me introduciron na literatura galega, grazas ao meu admirado Xosé L. Méndez Ferrín quen, no instituto, nos deu uns apuntamentos sobre ela dun xeito case clandestino. Fíxenme un lector voraz e esixente. Aí sigo.
Paco Ibáñez

     Con Paco Ibáñez comprendín a bonanza e o valor da poesía e con Rosalía e Celso Emilio Ferreiro entrei sen pedir permiso na lírica galega que tanto me emocionou.
Sempre fun un docente moi implicado no meu labor. Amaba o ensino. E tiña algo moi claro: non quería que o meu alumnado sufrise ese baleiro que tanto dano me fixera. Dende as primeiras clases achegueilles unha chea de bos libros para que comprendesen todo o que a literatura ofrecía. Dende  Memorias dun neno labrego -primeiro libro en galego que lemos en conxunto na clase de 8º de EXB - ata toda unha listaxe ampla de obras que eles e elas comezaron a saborear principiando pola nosa riquísima literatura de tradición oral que descoñecían.

     Se literatura é vida, como afirmo, a vida destas persoas en formación non tardou en dar sinais positivos. Lían, recitaban, conversabamos e abríanselle as portas da creación literaria a unha rapazada que gozaba escribindo, afastada xa da típica redacción sobre a primavera.

     Eu tamén medraba internamente ao seu carón. Sentino axiña. Protagonizabamos un acto conxunto de liberdade e compartiámolo con ledicia. Non sei se despois, algunha vez, estes nenos e nenas chegaron a ser máis libres que naquelas sesións de creación sen dobreces.
Emili Teixidor
A literatura sen ataduras, afastada de tintes moralizantes e didácticos, que fuxía do academicismo, foi penetrando no interior do meu alumnado e fíxonos vivir momentos dunha emoción que lembro feliz. Así, ata a miña xubilación. Eu era un docente a quen a literatura dera sentido á súa vida, porque, como afirma Emili Teixidor,”un mestre que non le só pode comunicar o seu propio baleiro”. Sempre fun consciente deste compromiso e, co tempo, cheguei a facer da lectura e da literatura un xeito de vida coma persoa e coma escritor.
Giuseppe Tartini

Hoxe, mentres escoito unha sonata de Giuseppe Tartini, dende a miña fiestra deito a ollada cara ao interior de min mesmo e pregúntome que sería a vida sen os libros. E sería algo así como o ser humano sen memoria. Non poder expresar os sentimentos pola falta das palabras, algo tráxico. Estou convencido de que a literatura nos salva e nos libera. Por iso subscribo as verbas de Teixidor cando afirma que “Ler non ocupa o meu tempo, ler enche e engade valor á miña vida”.