Páginas

martes, 22 de octubre de 2019

A BUTACA DO LECTOR (5) "Tres minutos no aire", de Miguel Anxo Murado





Dende que o lector lera Ruído e O soño da febre ficou engaiolado pola prosa de Miguel Anxo Murado.
Fin de século en Palestina rematou por agrandar, máis se cadra, a admiración pola obra do escritor lucense.
     De aí que, cando viu Tres minutos no aire na librería, non tardou en mercalo e volver a gozar do talento de Murado.

    
O lector sentiu curiosidade por ler o que o autor contara no Diario Cultural da Radio Galega en tres minutes, máis ou menos, nunha colaboración semanal entre os anos 2006 e 2009.

     O lector non escoitara as pequenas narracións nas ondas e abofé que gozou enormemente lendo as 226 páxinas que compoñen o libro.

     Gozo foi o primeiro que sentiu o lector coa lectura e deseguido –ou a o tempo – curiosidade e reflexión polo que os textos descubrían. Textos pensados para ser ditos e que, preservando o ton e o ritmo oral, non deixan de aportar pausa ao ser lidos.

     O lector volveu reafirmarse na claridade e o dinamismo da prosa de Miguel Anxo Murado. Lía un relato, sorprendíase, reflexionaba e e xa estaba desexando pasar ao seguinte. O lector chegou a envolverse no ritmo frenético das pezas literarias. Tiña que deterse porque xa era hora de apagar a luz – o lector goza lendo na cama ata altas horas – pero non era quen de parar. Cada peza, contada cunha mestría inusual e un ritmo moi vivo, ofrecía un feito actual, curioso, simpático, fondo, coa opinión do autor que achegaba coñecementos e acadaba que o lector pensase sobre o tema.

     E así rememorou a Cunqueiro, citado ben veces, soubo das Rapas luguesas e de Sabucedo, das referencias ao lobo coa figura de Fole de fondo ou que, aló polo século XVI ,Michel Eyquem, nome verdadeiro  de Montaigne, o inventor do xénero “ensaio” fora alcalde de Bordeos e tiña unha intensa relación co famoso viño desta rexión francesa.

     O lector ficou abraiado diante da caveira de Yorick, sorprendido perante a lenda de que Lenin lía moi rápido ou a de Theodore Rooselvelt de quen se dicía que lle abondaba un golpe de vista para saber o que poñía nunha páxina. Curiosa tamén a referencia a certos comentarios do filósofo Massimo Cacciari que afirmaba que Armani era o Michelangelo do noso tempo.
Hai moita ironía no discurso de Miguel Anxo Murado neste Tres minutos no aire. Aproveita moitas destas anécdotas para dar unha vision a vida de seu.

     E o lector detívose nas últimas pezas para concordar con el en que o desprestixio da mocidade é algo inxusto, así como recoñecer que os edificios contan historias porque a pedra explica moito.
Critica Murado a moda das memorias políticas dos mandatarios actuais. Afirma que son parte do presente, sendo o pasado unha excusa para contar o que se está a facer.
Fica desorientado o lector cando le que, para o autor, Gandhi é un reaccionario sobrevalorado e reflexiona sobre a verdadeira natureza do famoso cadro O grito de Munch.

     Cando remata o volume, o lector sente unha enorme felicidade e volve a certos textos que o sorprenderon especialmente.

     Tres minutos no aire é un fermoso mosaico- pensa o lector- das idas e voltas que dá a sociedade de todos os tempos e da contradición dos seres humanos. E ao rematar o libro sente que respire un chisquiño mellor.