|
An Alfaya, presentando "Versos e viceversos" na Feira do Libro de Vigo |
Sempre me sentín moi preto
da literatura de An Alfaya. Esa
literatura intimista, de personaxes, moi traballada, que toca a conciencia do
ser humano, fixo que eu me instalase como lector dunha muller con moita
personalidade e que fai da literatura unha maneira de estar no mundo.
De aí que, para presentar Versos
e viceversos na Feira do Libro de Vigo, pensase nela, polo seu rigor literario, polo coñecemento
das nosas obras e porque, non o vou agochar, é unha boa amiga.
O texto é fermosísimo. Por iso, queremos
que quede neste noso blog-revista, neste Versos
e aloumiños que leva navegando ben tempo polo mar da literatura sen máis
propósito que achegala a esa lexión de
fieis lectores que nos seguen a miúdo con entusiasmo.
Gozádeo.
VERSOS E VICEVERSOS (Unha viaxe sensorial)
An Alfaya
Antonio e Juan Carlos, Juan Carlos e
Antonio, poetas de mar, lúa e vento, para o noso deleite e contento, e tamén
Juan Ramón, artesán do lapis e da cor, que debuxa poemas sen palabras, mais con
sentimento e moito amor, e aínda que está ausente, témolo moi presente nestes Versos e Viceversos, páxinas onde se xungue a beleza e a harmonía e todo
transita con mansedume e sincronía.
Tres titáns pilotando o mesmo barco e
sucando o mesmo mar, amparados pola frota KALANDRAKA, rumbo a Illa Poesía. Moita vida e boa sorte
nesta travesía, piratas e bucaneiros do verso libre, de rima asonante ou consonante,
mais rimar aquí non é o importante!
Para vós, lectoras e lectores destes Versos e Viceversos, presento o seus universos:
Antonio e Juan Carlos, galego e
andaluz, amigos de andainas, compañeiros de aventuras literarias, poetas das
emocións, neste lenzo de papel describen
unha viaxe sensorial que pasa dende o ollo ata a orella, dende a lingua ata o nariz, e acariñan coas mans as follas dun máxico caderno de bitácora.
No
meu caderno escribo
agullas
e dedais.
Con
elas coso versos;
con
eles mananciais.
No
meu caderno escribo
borranchos
asustados:
pegadas
e recordos
de
tempos xa pasados.
..................................
Sempre levo o meu caderno
aberto
de par en par
para
que escriba quen teña
unha
historia que contar.
A
chuvia escribe con pingas
letras
que non se ven,
estralan
cando se pousan
e
esborranchan o papel.
Poetas de sotavento e barlovento con verbas que se quedan no padal, ofrecéndonos un
cruceiro con recendo a sal. Navegando polas ondas de escuma entre algas e
peixes de cores. Sorteando mareas e océanos. Escoitando o canto das sereas a
través das buguinas. Fitando o horizonte
sentados na area das praias da súa infancia, ese territorio fecundo ancorado
nos peiraos de cada un dos seus libros.
Eu gardo no meu armario
mares
cheos de piratas,
mares
de veludo e seda
que
non se atopan nos mapas.
.............................................
Eu contaba xunto ao mar
as
buguinas de marfil.
Era
un mar de medianoite.
Xa
non era azul anil.
Poetas astronautas que espallan as súas fantasías coa ollada posta na lúa e
nas noites estreladas.
Na
casa daquel poeta,
hai lupas e telescopios,
estrelas
e bolboretas.
....................................
Astronautas na barca
mar
a dentro soñaban
conquistar
a outra lúa
reflectida
na auga.
Poetas coa ollada posta nos ceos
sucados por bolboretas, vagalumes e paxaros ao compás da brisa mariña.
Se vas a un sitio
arredado,
tráeme
bicos
de
colores
e
os nomes
dos
paxaros.
Se
vas a un sitio
arredado,
trae
bordadas
bolboretas
que
se perden
polo
alto.
Poetas que espertan as conciencias e
nos fan reflexionar, porque dende a beleza nos conducen ata ese lugar escuro
que nos invita a pensar:
Non vou obedecer ás túas ordes,
xeneral.
Non
quero seu afouto por algo
que
non entendo,
xeneral.
Para
xogar á guerra é preciso
xogar
en paz.
Pois
no medio da guerra,
nin
sequera xogar á paz
é
xogar.
Camiñemos da man da obra poética de
Antonio e Juan Carlos, porque Versos e Viceversos non é un traballo
illado ás súas traxectorias literarias e vitais. Ambos os dous son poetas
veteranos, con liñaxe, como os bos viños, que ao saborealos deixan un agradable
pouso na boca e un recendo que evoca fascinantes sensacións.
Juan Carlos, xa alá polo ano 2003
acadaba o prestixio Premio Lazarillo
co poemario Poemamundi, onde fai unha
reflexión sobre o paso do tempo e establece unha relación entre as diferentes
culturas do mundo e a poesía; logo, no 2015,
obtén o Premio “Ciudad de Orihuela” pola
súa obra infantil Mundinovi (El gran teatrillo del mundo), onde
agroma a súa alma titiriteira; e recentemente, recibe o Premio de poesía
infantil “Luna de Aire” polo libro de
poemas, Muñeca de trapo y otros seres con
cabeza y corazón, onde consegue dar vida aos bonecos recreando belas
estampas da infancia.
Non deixemos de soñar con el gozando
coa súa obra, que se estende a outros títulos escollidos. Xuntos iremos da súa man:
Juan Carlos, cuéntame una y otra vez
ese cuento... Cómo era?
Érase
una...y otra vez
Un
buzón de voces
que me susurran
Canciones
y palabras de otro cantar,
Las
palabras que se lleva el viento
en
La alfombra mágica
de tu Poemamundi,
viajando peregrino
a un nuevo destino,
quizás Mundinovi,
El
gran teatrillo del mundo,
o tal vez, La jaula de las fieras,
lo que tú me digas,
lo
que tú prefieras,
porque Poeta eres tú,
volviendo a ser un niño
con tu Muñeca de trapo
y otros seres
con cabeza y corazón,
Versos
y Viceversos
que se tornan en canción.
E nesta glosa, lembremos que Antonio,
o poeta galego que mellor lle senta o sombreiro, no ano 2017 honrounos co Premio Nacional de Literatura Infantil e
Xuvenil co fermoso libro Poemar o
mar, luminoso e máxico, que ten aroma a salitre e forma parte da triloxía En la cuna del mar e Palabras do mar. Mais, se retrocedemos, xa nos dera unha alegría
cando recibira no ano 1996 o Premio
Merlín e o Pier Paolo Vergerio co
lírico Na fogueira dos versos, avivándose
nel o lume que mantén acesa a febre da poesía, afianzando a idea de que fitar o
mundo a través dun espello poético é a mellor medicina para sandar as feridas, e
compartir a súa paixón poética, especialmente coa infancia, convértese nun
feliz agasallo para o seu fiel lectorado.
Por iso, Antonio, lévame onda ti
Polo lugar do incerto
Nos
mares diversos
Cara
un lugar sen nome
Na
fogueira dos teus versos
Ladrándolle
á lúa.
E fálame En voz baixa
pois Tes bicos na voz
Cando
caen as follas
Das
catro estacións
acaneadas polos Ventos
que
son o Retorno dos lamentos
Parolando
coa vixencia
entre Nenos e Aloumiños
tes A chave
dos soños
para Disfrutar escribindo
Lueiros
de papel.
Cacarabín,
Cacarabón,
O
cabalo de cartón,
Fantasía
en re maior,
no
teu Caderno de fume,
Aire
sonoro
para Poemar o mar
con Versos e Viceversos.
Parabéns aos dous.