Sentar a ler nunha butaca
vén sendo un pracer para un bo lector ou lectora. Por iso, Versos e aloumiños crea
unha nova sección. Unha sección que nada ten de crítica. Para iso están outros
máis capacitados que nós.
Pero o que non se pode evitar- nin moito
menos- son as sensacións que calquera libro nos produce. A Butaca do lector trata diso. De expresar, se cadra, esas
sensacións experimentadas, esas reflexións ás que nos leva un texto e certos
puntos nos que, demasiadas veces, non reparamos nas nosas lecturas.
Unha sección para compartir sentimentos
ben lonxe das cuestión críticas ou académicas.
Talvez, iso si, animando a ler páxinas que
nos conmovan ou nos sorprendan.
Que vos guste!
Ao
lector sorprendeulle a literatura de
Gonzalo Hidalgo Bayal (Higuera de
Albalat, Cáceres 1950). E sorprendeulle positivamente. Tanto é así que leva lidos catro libros seguidos deste escritor tan pouco coñecido como
imprescindible na literatura española. Un deses libros leva Nemo
por título. E nada que ver con Jules Verne. Non, Nemo, de Nemo, neminis (latín) porque Nemo é ninguén.
Un home que non fala chega a unha vila ben afastada do resto da
sociedade. Hai alguén que é encargado de escribir o día a día da vida no lugar
e os seus habitantes van experimentar as consecuencias dese silencio.
Descoñecen a causa desta actitude. Ao lector
impresionoulle o xeito de ser escrita a novela: en 1ª persoa, sen diálogos,
cunha linguaxe ben rica, coidada, en capítulos curtos, cunha intensidade e unha
riqueza fóra do normal. E o lector
experimentou moitas sensacións léndoa. Entendeu as miserias do ser humano,
aliouse co protagonista e mantivo un silencio sobrecolledor. O lector fíxose cómplice silencioso,
pois, de Nemo. E meditou. E odiou e amou os personaxes que poboan a novela.
Nunca perdeu o horizonte, aínda que ben veces se lle anubrou a paisaxe e
dubidou do seu lugar no mundo de seu. E comprendeu mellor as súas debilidades e
as trampas nas que un pode caer na travesía da vida.E, mesmo, os espellismos que o poden confundir. E, como no seu mutismo
sabía Nemo moi ben, o lector enteu á perfección que vimos do silencio, que imos
a el, vimos da nada e imos cara a nada, tal é o noso destino.
O lector
non fai valoracións academicistas ou críticas (podería facelas e serían magníficas) porque
non é crítico. É unicamente lector. E o vivido neste libro permítelle verse el
e os demais seres humanos como permanecen silandeiros entre multitudes que non
saben moi ben cara a onde se dirixen.
E decatouse perfectamente o que é a
filosofía da vida, a través da literatura.
E tamén lle soaron ecos de Camus, de Kakfa, mesmo de Beckett, pero salientou o estilo persoal do escritor cacereño.
E tamén lle soaron ecos de Camus, de Kakfa, mesmo de Beckett, pero salientou o estilo persoal do escritor cacereño.