Páginas

martes, 28 de mayo de 2019

TEXTO DE ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO NO ACTO DE APADRIÑAMENTO DOS CURSOS DE 3º DE PRIMARIA DO CEIP "CARLOS CASARES", DE VILARIÑO (NIGRÁN).




Apadriñar unhas aulas dun centro escolar é, á vez, unha honra e un compromiso.

     Os que cremos na importancia da lectura nos pequenos, estamos nunha loita continua para que descubran os tesouros que os libros gardan no seu interior. Libros vivos. Libros abertos. Libros con maxia. Libros que nos fagan felices, que nos emocionen, que nos interesen.
     Ter apadriñado as clases de terceiro de primaria do CEIP “Carlos Casares”, de Vilariño (Nigrán), resultou un fermoso acto festivo arredor dos meus libros, arredor dos meus versos. Unha festa, colofón dun curso escolar de gozo literario, que abrangou todo o colexio, dende infantil ata sexto de primara. Un labor do día a día que me amosaron felices o alumnado e mais o profesorado do centro. Unha implicación total. Un traballo en conxunto, como debe ser. Algo que non se realizou para ese día, senón que o pasado mércores foi a mostra final das ilusións desfrutadas durante os meses de curso.
     

     Unha homenaxe que agradezo moi fondamente. Un acto de agarimo á poesía que non poderei esquecer endexamais.
     Como padriño, escribín un texto para que o garden e o teñan presente acotío. Tras lelo, sentín a inmensa satisfacción de quen  funde sentimentos propios e alleos.
     O texto podedes lelo de seguido. Quixen que Versos e aloumiños o mostrase coma lembranza e, ao tempo, coma testemuño dun acto memorable.
     Que vos guste.



Prezadas nenas e prezados nenos de 3º curso de Primaria do CEIP “Carlos Casares”:

Hoxe sinto un enorme orgullo de apadriñarvos en algo que, para min, é marabilloso: a vosa andaina pola literatura, polo camino dos versos e comprobar a vosa felicidade porque sentides ben dentro o pracer da lectura.
     Nestes tempos que corren non é doado sentirse libres. Non é doado ser tolerantes. Non é doado ser sensibles. Non é doado aceptar a diferenza. Non é doada a igualdade de xénero, o respecto. Hai moitos atrancos para exercer a xustiza social e danse a miúdo  certas situacións que non se deben producir.
     Por iso, hoxe sinto que xa levades un camino andado a través  da palabra poética. Porque tedes que saber que eu son quen son grazas a esa palabra; unha palabra que me permitiu coñecerme de verdade e coñecer mellor o mundo que me rodea.
     A palabra poética é algo que quero compartir con vós. Anímovos a que nunca deixedes de ler. Anímovos a ter ben preto un libro aberto acotío. Un libro para comprender mellor todo o que vos rodea. Un libro para gozar da beleza, para desfrutar coas historias e cos versos. Un libro, en definitiva, para comprender que a lectura é un dos  sendeiros máis necesarios para ser mellores persoas e afianzarvos nun mundo que non vos vai agasallar nada.
     Deixádevos acariñar pola brisa do aire. Escoitade o rumor do río coas súas palabras de auga e de lúa. Cabalgade sobre o vento para gozar das cousas fermosas que debemos descubrir.Hai moitas. Non esquezades trazar co dedo as vosas ilusións no mapa dos desexos secretos. Non deixedes de soñar. E, cando vexades que chora o mar, apreixádeo e transmitirlle a vosa sensibilidade e ateigádeo de bicos. Deixade voar a vosa imaxinación. Que non vola coute ninguén e lembrade algo que levo ben anos dicindo: todos somos poetas.
     Procuremos a beleza. Desterremos o inxusto, o violento, o feo das nosas vidas e fagamos da literatura, da poesía, unha maneira de entender a vida.
     Coa axuda da literatura e o agarimo do voso profesorado estou seguro que ides acadar moitos dos obxectivos que vos marquedes.

     Grazas polo voso agarimo.
     Quérovos.

                                                                      
                                             Antonio García Teijeiro (o voso padriño)
                                              Maio, 2019



lunes, 20 de mayo de 2019

REMUÍÑO DE LIBROS (62) "Os contos da avoa Pepa", de Francisco X. Fernández Naval







AUTOR: Francisco X. Fernández Naval.




ILUSTRACIÓNS: Manolo Figueiras.




EDITORIAL: Kalandraka. Colección: SETELEGUAS.






Os contos da avoa Pepa supón unha nova achega do escritor Francisco X. Fdez Naval ao panorama da nosa Literatura, desta vez, dirixida ao mundo infantoxuvenil a través destas historias que representan a memoria entrañable que afonda no corazón de todos aqueles lectores que se deixen levar pola emoción contida dentro delas.

      Trátase dunha merecida homenaxe a todos aqueles transmisores da literatura oral, popular coma un elo imprescindible dentro da cadea da vida, das emocións e dos sentimentos verbalizados pola palabra para nomear tanto a realidade que se entende coma a que non. A memoria da  súa protagonista, a avoa Pepa, actúa coma fío condutor destas once historias, debullando, gran a gran, as lembranzas de nena dos contos que o seu avó Bintil lle contaba e por medio dos que puido apreixar o mundo dos soños, das emocións, da tenrura …pero tamén do medo, da natureza, do verosímil e do intanxible para podérllelo contar, á súa vez, aos seus fillos e netos. Dun xeito sutil, cargado de afecto, admiración e tenrura cara á figura da avoa Pepa, o autor desvela a crueldade do Alzhéimer e o poder da palabra para dotar de identidade a realidade.

Francisco X. Fernández Naval (Foto de Maribel Longueira)

     Nos once relatos o autor válese do emprego dunha prosa fluída, clara e poética, chea de riqueza léxica, para chegar directo ao corazón dos lectores, provocándolles diferentes sensacións. Para os adultos vai supoñer unha viaxe cara ao pasado onde a memoria se mestura coa palabra escoitada na voz das avoas e dos avós que nos introducen no mundo máxico das fábulas, as lendas, os refráns, as cantigas, os xogos…en definitiva, na literatura popular conservada oralmente de xeración en xeración e que significa a creación no imaxinario infantil das primeiras percepcións do universo circundante. Aos  lectores máis novos vailles permitir ter o coñecemento dun mundo, que na actualidade, en moitos casos, está a desaparecer. Un mundo que contrasta co deles, demasiadas veces virtualizado e mecanizado e que lles amosa outro xeito de relacións, de expresión e de entendemento.

Ilustración de Manolo Figueiras

Páx.55: “ A avoa Pepa sabe que é imprescindible a enerxía eléctrica, pero pregúntase se non sería posible que os encoros existisen sen acabar cos peixes e as lontras, e sen destruír as praias e os campos que, ao cabo, son a ledicia e o gozo de todos nós.”

Páx. 74: “ Durante días todos estiveron tristes. Pero, ao cabo, comprenderon que Roi tomara libremente a decisión de marchar, porque quizais lle chegara o tempo de estar só, de repasar a súa vida, de se perder no mundo das lembranzas e dos soños.”

     As ilustracións coloridas e vivas de Manolo Figueiras danlle vida á memoria da avoa Pepa.


                                                                                              ALBA PIÑEIRO

viernes, 10 de mayo de 2019

DARDO POÉTICO (LX) "UN FERMOSO CANTO ÁS MULLERES DO MAR, de ISABEL BLANCO E LUZ BELOSO".





Xa vai sendo hora de que se valore o enorme esforzo das pequenas editoriais. Persoas que aman o mundo do libro nas diferentes vertentes apostan por libros, nos que non reparan outras, e cobren un enorme baleiro no mundo da edición que convén valorar.

    
Unha destas editorias é Belagua Ediciones e Comunicación, que, da man da marabillosa Edurne Baines, vai abrindo o seu abano a distintos xéneros como son a narrativa, a poesía ou a literatura infantil. Editora dos espectaculares libros de fotografías do gran Ricardo Grobas, Belagua Ediciones y Comunicación vai medrando paseniño –pero con consistencia- da man de libros ben coidados, que aportan brillo ao panorama da literatura galega. Libros feitos con agarimo, que resultan agradables de ter nas mans e de ler con ganas.


     É o caso da serie Rosaura, escrita por Isabel Blanco e ilustrada por Luz Beloso.  As receitas  de Rosaura e Rosaura, cesteira de Mondariz forman, xunto a Rosaura e o mar, unha colección atraente que é bo coñecer.
 A esta última, precisamente, quero referirme porque paga a pena deterse nela.
     


     Rosaura e o mar é unha homenaxe ás mulleres do mar, dese mar galego que tanto dá e que tanto quita, por desgraza, algunhas veces. Mulleres esforzadas que traballan, superan atrancos e viven pendentes desas mareas tan complicadas. Mulleres non valoradas de abondo, sen as que sería imposible entender o mundo do mar en toda a súa amplitude.
     
     Comeza así o libro:

Esta é a parrandeira historia
de Rosaura mariñeira,
que ao mencer de cada día,
namentres o sol esperta,
Ilustración de Luz Beloso
baixa ata a ourela da praia
para rabuñar na area
na procura dos tesouros
que deixaron as sereas,
todos cubertos de cunchas
coma caixiñas de perlas.

     E así, en versos octosílabos, a xeito de pequenos romances, Isabel Blanco vai tecendo a vida das mulleres do mar, personificadas en Rosaura, cuns fermosos debuxos de Luz Beloso. Rosaura mariñeira. Rosaura mariscadora. Rosaura cos mexillóns nas bateas e vendo brincar os golfiños. Rosaura, polas rochas, percebeira e na fábrica, percebeira. E no peirao, redeira. E deste xeito, entre treboadas e días tristeiros do mar e noites de sufrimento Rosaura “baixa á praia e ao peirao, / ás rochas e acantilados,/ devecendo por albiscar / as proas dos barcos / e achegándose para escoitar / de catro baleas os cantos, / consolo que alonxa o seu pranto / e que ti (lectora ou lector) poderás ouvir / abrindo o teu corazón / coma se fose un gran manto”.
     
     Un libro fermoso dunha escritora, Isabel Blanco, firme defensora da vida e da literatura. E dunha ilustradora, Luz Beloso, que enche desa vida as ilustracións -esa vida que tanto ama a poeta-, a través das expresións das personaxes e a cor que adoza os ollos do lectorado.

Isabel Blanco (izq.) e Luz Beloso
     Un libro para ler en voz alta. Para recrear oficios. Para valorar o enorme sacrificio da muller nesta sociedade tan inxusta con elas e co seu labor.Literatura que dignifica o oficio, ademais, de escribir.
     Parabéns a todas!


Presentación en Vigo


                                                                                                                                ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

lunes, 6 de mayo de 2019

REMUÍÑO DE LIBROS (61) "Lúa en Ningures", de Beatriz Maceda






TÍTULO: Lúa en Ningures.


AUTORA: Beatriz Maceda.


ILUSTRACIÓNS: Laura Veleiro.



EDITORIAL: Xerais. Colección: Merlín.






     A escritora e mestra Beatriz Maceda achégalles aos lectores a partir de nove anos esta historia real, que nos debería facer reflexionar ante a situación vivida pola súa protagonista e familia, ao ter que fuxir da súa terra, o seu fogar, o seu país por mor da guerra. É a historia da incerteza, do horror, da devastación física e moral contada a través da ollada infantil de Lúa.
 
Beatriz Maceda. (Foto de Eduardo Castro Bal)
     Lúa non entende que sucede, por que o avó (alguén tan especial e necesario para ela) non quere marchar con eles, por que teñen que deixar o seu mundo coñecido por un Ningures onde as palabras: refuxiados, fuxir, guerra, enfermidade, morte, paz, amizade, miseria, inhumanidade... van enchendo o seu mundo infantil, non coma mostras de riqueza léxica, senón como sinais da barbarie que crea outro mundo cheo de sufrimento.
Será grazas, en boa parte, ás palabras e aos seus debuxos como consiga coa axuda dos seus amigos, darlle certa cor á contorna tan gris na que sobreviven. Palabras procedentes dos seus recordos cando eran felices e tanto o seu pai (profesor) coma a súa nai (ilustradora) tiñan ese brillo nos ollos, que tanto bota en falta, xunto coa complicidade e a tenrura do avó. Deste garda un tesouro, O Principiño,cuxas verbas permitiranlle crear faragullas de luz nesa atmosfera onde a hipocresía se está asentando.

 
Ilustración de Laura Veleiro
     Trátase pois dun fermoso, aínda que duro, alegato do beneficioso da lectura coma detonante antibélico, en prol da humanidade. Escrito cunha prosa directa e estruturado en oito capítulos curtos polos que transcorre a trama e nos que os lectores sentirán moi próxima a historia. Ademais conta ao final cos dez principios da Declaración dos Dereitos da Infancia, que demasiadas veces se esquecen.

     As ilustracións de Laura Veleiro danlle vida e cor á historia, focalizada sobre todo nos seus personaxes.


Un refuxiado é unha persoa que se ve obrigada a abandonar o seu país por causas políticas, por unha guerra...”Páx.23.

“...e lembrei esa frase do Principiño que di: Pregúntome se as estrelas se iluminan co fin de que algún día cada un poida atopar a súa.”Páx.25

“Xa ninguén lembra a Declaración de Dereitos da Infancia?Xa ninguén lembra que todos os seres humanos somos iguais?”.Páx.80
“A Declaración aprobouse o 20 de novembro de 1959, de maneira unánime, polos setenta e oito Estados que daquela formaban parte da ONU.

Ten razón Lúa, co paso do tempo hai cousas que se van esvaecendo. Pero de nós depende que non sexa así.”Páx.126



                                                                                                                                        ALBA PIÑEIRO