TÍTULO: Nina
e Antón.
ILUSTRACIÓNS: Alejandra Estrada.
TRADUCIÓN: Manuela Rodríguez.
EDITORIAL: Kalandraka.
Nina e Antón é un fermoso álbum ilustrado que da man de Kalandraka chega na nosa lingua para os
primeiros lectores, aínda que calquera lector que se achegue a el vai desfrutar
desta tenra historia que nos lembra a grandeza que encerran as pequenas cousas,
agochadas, moitas delas, dentro do cotián.
O seu autor é
o escritor e editor Antonio Ventura,
vencellado dende hai moito tempo ao mundo da literatura infanto-xuvenil e, xa
que logo, bo coñecedor deste panorama literario.
Proba disto é Nina e Antón pois está concibido, tanto
no contido coma na forma, a xeito de homenaxe á respectada pintora belga e creadora
de personaxes tan entrañables coma Ernesto
e Celestina , Gabrielle Vincent.
A través dunha
linguaxe clara, directa e vertebrada polo diálogo dos seus protagonistas,
coñecemos a Nina e mais o seu gato Antón. A escena ten lugar na casa de Nina,
onde decide lerlle a Antón o seu libro favorito. Ante a percepción desta de que
el non amosa todo o interese que debería ter, enfádase e recrimínalle ao seu
amigo a súa actitude. Pero esta situación dura pouco porque ambos se decatan de
que, aínda que se despisten, o que máis lles gusta é poder compartir libros tan
fabulosos coma aquel no que aparecen un oso e unha ratiña.
A maxia dos
libros e o seu poder coma vínculos que axudan a tender pontes entre realidades
e universos diferentes están presentes neste álbum.
A ilustradora
colombiana Alejandra Estrada é a
encargada de darlles vida aos protagonistas a través do xogo cromático que
amosa a identificación entre as ilustracións e a voz textual.
ALBA PIÑEIRO