TÍTULO:
Unha longa viaxe
AUTOR:
Daniel Hernández Chambers
ILUSTRADOR: Federico Delicado
TRADUCIÓN: Xosé Ballesteros
EDITORIAL: Kalandraka
Daniel Hernández
Chambers
escribiu e Federico Delicado
ilustrou un álbum tan fermoso como necesario. “Unha longa viaxe” é unha
narración agridoce, belida e intelixente.
Un álbum que, sen
adozar o que conta, reflicte un problema doloroso e, por desgraza, ben actual:
a inmigración forzosa.
Hernández Chambers
cóntanos dúas historias paralelas que se cruzan. Dúas historias de longas
viaxes por razón distintas e semellantes obxectivos.
Por unha banda,
un grupo de persoas, familias que sofren, teñen que abandonar a súa casa co
imprescindible e foxen porque a guerra comezou. Descoñecen o seu destino pero deben
marchan porque queren sobrevivir. Chama a atención o pequecho que se resiste a
deixar aquelas cousas que ten. Diríxense cara ao norte sen máis.
Por outra banda,
unha familia de aves – son gansos- tamén debe partir, estes cara ao sur, porque
se achega o inverno e onde están non poden vivir. Cuestións climáticas son o
motivo. Aquí é a filla a que se opón a partir, porque non cre ter forzas para
voar durante tanto tempo. (- Teño medo,
mamá! // - Medo? // -Aínda son pequena.
Non creo que poida voar tan lonxe)
Ilustración de Federico Delicado |
Uns e outros
comezan a marcha forzosa. As persoas
atópanse durante o camiño con moitos atrancos: a chuvia que os fai andar cos
pés afundidos na lama, desinterese de moitos co seu drama, protestas, queixas.
A maioría ollan cara atrás con tristura. Senten a fame e mais o cansazo, pero
teñen que avanzar sen desmaio malia as dificultades.
A climatoloxía é
a maior dificultade que se lles presenta ás aves. Pero tampouco se deteñen.
Ambas expedicións van cruzarse e, con dicultades, chegan ao seu destino. As aves acadan o seu
obxectivo. Poderán decansar. Os humanos, pola contra, atopan unha barreira que
lles vai impedir que avancen e se asenten: as fronteiras están pechadas.
Un relato doce
para uns: os gansos; terrible para outros: os humanos. Unha narración realista
que pon sobre a mesa o problema dos refuxiados. Reivindica o dereito das
persoas a vivir unha vida digna. Persoas que claman xustiza nun mundo de
desigualdades e que arelan un territorio que lles permita cubrir as súas
necesidades fundamentais.
Nesta obra, autor
e ilustrador –que grande, Federico Delicado!- conseguen equilibrar
perfectamente o ton do relato. Hai nel olladas tenras, pero tamén expresións
marcadas polo medo.
A historia é dura
e limítase, polo que conta e polo que non, a expoñer as situacións para que o
lectorado tire conclusións, reflexione e se faga preguntas. Os feitos están aí.
Daniel Hernández Chambers cóntaos e Federico Delicado debúxaos. Porén, teñen
que ser os lectores e lectoras quen
xulguen e pensen sobre a sociedade na
que viven, que sexan críticos e, á vez, gocen dunha obra literaria ben feita.
Para iso, entre
outras cousas, está a boa literatura.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO