Páginas

lunes, 8 de octubre de 2018

PAPEIS RECOBRADOS (16): "Deume por pensar"

   Fotografía de Anxo Cabada


 Os que me seguen, dende hai ben tempo, saben da miña teima para acadar 

que a literatura estea presente nas vidas dos pequenos e pequenas nas aulas

nas bibliotecas e nos fogares.
     
     E se falo de achegamentos, non podo deixar de facer fincapé na figura indispensable das mediadoras e mediadores. A rapazada precisa deles e delas para atopar o camiño do pracer, non sempre doado de sentir, que a lectura nos dá. Sen eles/as todo será máis difícil e demasiadas persoas non gozarán do gusto que producen as boas lecturas.
     
     E non digo nada se de poesía falamos. Aí todo resulta máis complicado e a necesidade da mediación faise imprescindible.

     Por iso, recupero nesta sección de Papeis recobrados un artigo escrito para A Nosa Terra, hai xa un tempo, pero que non perdeu actualidade, porque queda moito traballo que facer.
     
Que vos guste.





                                             DEUME POR PENSAR



                                                                                                  
                                                                                                      Antonio García Teijeiro


Tras ler o magnífico achegamento de Fran Alonso á vida e á obra de Novoneyra (Ed.Xerais), Folerpas de Novoneyra. Biografía e antoloxía. deume por pensar de novo nos mediadores, esas persoas imprescindibles para que a lectura teña presenza nas aulas.
     
     Recibo cartas agarimosas de docentes e alumnos/as que desenvolven proxectos admirables na escola. Anímanme.
     
     
     Entón, lembro aqueles que aínda non deron o paso. E pensando neles encantaríame que cresen de verdade na importancia de que os cativos lean. Que coñezan os seus alumnos, que conten en voz alta, que inicien libros para que os pequechos sintan o comechón do narrado, busquen con ilusión o libro e rematen eles a súa lectura. Que a biblioteca sexa un lugar máxico e non unha habitación sen vida.
    

      Pero é importante que os mediadores suban un chanzo máis. Que lean por pracer sen pensar nos alumnos. Que o fagan por necesidade persoal. E fágome preguntas que son desexos. E se o mediador destinase  cada día un tempo para ler? E se se convertese nunha persoa que precisa dunha novela, dun poemario, dun libro de ensaio ou de teatro, dun diario interesante para respirar mellor? E se visitase con certa asiduidade algunha libraría e fixese dela un punto de encontro cos amigos entre tantos títulos que o convocan dun xeito irresistible dende os andeis? E se fose quen de abrir un oco literario entre o deporte, a televisión, internet, o cine e as conversas coa xente máis próxima? E se se decatase de que sen libros os seres humanos estamos un pouco orfos?

     Podería seguir pero prefiro calar a boca. Coido que son máis devezos que preguntas. Así que fuxo de Dylan e espero que as respostas non estean soprando unicamente no vento. Necesitámolas ben preto.