Páginas

lunes, 15 de octubre de 2018

ESCAPARATE POÉTICO (CXVIII) Eduardo Estévez











                                 EDUARDO ESTÉVEZ  (Buenos Aires, 1969)






déitaste
e pídesme que che lea alto


pero logo quedas durmida
e a min pónseme seca a voz
polo eco


e penso que ninguna historia
está tan ben contada como a noite

Eduardo Estévez


pérdome a ollar
o bosque que nos agasallou estevo
e médranme escuros
sendeiros polos que respiro
o seu aire limpo e húmido e verde










a casa que vimos no cine
conservaba nos recantos
unha pátina
da memoria dos obxectos



a nosa casa
contén nos muros
o instante


porque as cousas pouco pasan
permanecen en nós



 








escribo un poema
que fala de min


por suxeitar o presente


para evitar que fuxa ou
cando menos
para deixar constancia de que foi


o futuro está oculto

é un lugar de paso

como o reflexo das árbores
na auga do estanque








calquera casa pode ser
outro país


pero a patria non é
unha terra vivida


senón calquera lugar imaxinado
polas reviravoltas da memoria







dentro
cada un ocupa o seu ritmo


unha postal harmónica


o libro de instrucións da calma


 
podería ser parte dun relato de suspense
e estariamos á espreita
de calquera sinal do desastre


ou unha escena costumista
en que a repetición é só
unha forma amable de covardía


pero somos simplemente nós
na serenidade de sabernos
a salvo en cada verso






(Do libro nós-dentro, editado pola editorial Galaxia.2018)