TÍTULO: Xandra,
a landra que quería voar
AUTORA:
Mercedes
Queixas Zas
ILUSTRACIÓNS: Paula
Pereira Carreiro
EDITORIAL: Urco
Editora
Álbums ilustrados coma Xandra,
a landra que quería voar, de Mercedes
Queixas Zas e ilustrado por Paula
Pereira Carreiro, son os que me enchen de felicidade cando ven a luz. Un
álbum, este, que cumpre os requisitos que eu lles esixo aos libros dirixidos ás
primeiras idades: claridade expositiva, linguaxe coidada, historias sinxelas
ben artelladas, posibilidade de dobre lectura ,facultade de facer pensar e que
as imaxes estean ben coidadas.
De todo isto hai neste álbum editado por Urco
Editora. Mercedes Queixas, con sensiblidade e intelixencia, artella unha
narración orixinal: unha landra, que agarda o momento de descender polas pólas
das árbores, resístese a caer e desexa con todas as súas forzas poder voar. As
demais landras esfórzanse en que desista da súa idea, pero Xandra non se dá por
vencida.
Mercedes Queixas. Foto de Mariña Ramos Queixas |
A protagonista soña, non quere ser coma as
demais e loita por ser dona do seu destino. Voa coa ollada e imaxinación cara
ao inmenso ceo da devesa. E, pasada a primavera e mais o verán, Xandra nunca
esqueceu un segredo que coñecera a través da súa amiga, unha sabia andoriña e
que só ela coñecía.
Este é un relato que se desenvolve, como
podemos ler, no Courel. Todo el está contido nun medio natural que serve de
escenario para que a historia teña cor e
teña identidade. A paisaxe, coas árbores
e toda sorte de paxaros xoga un papel imprescindible para entender moito mellor
esas arelas de liberdade da protagonista e consegue un ambiente natural que se
agradece. Todo isto nun marco cromático fermoso. Con cores vivas, figuras de
trazos planos ben expresivos, limpeza de formas e espírito alegre, Paula
Pereiro consegue un discurso aberto que permite dialogar co texto da autora. As
súas ilustracións teñen moita vida e son moi nidias.
E se falamos do Courel, non pode faltar
unha referencia ao extraordinario Uxío Novoneyra. E fica patente, xaora, nesas
liñas que din que Xandra ollaba sen
descanso o ceo, na procura da amiga andoriña, que chegara no comezo da primavera, canda o canto do cuco, para aniñar
disimuladamente no balcón da Casa do Poeta.
En definitiva, que
estamos diante dun álbum magnífico para compartir lectura cos rapaces e rapazas
das primeiras idades ( e adultos), establecer con eles un diálogo interesante,
do mesmo xeito que Mercedes e Paula o fan a través das palabras e as imaxes.
Libros coma este son os que fan que a
literatura prenda nos lectores e lectoras teñan a idade que teñan. Son
imprescindibles para que a nosa LIX sexa valorada xa dende o principio. Fornecen o cada vez máis amplo catálogo de
obras que convidan a saborealas dende os primeiros intres das nosas vidas.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO