Páginas

martes, 31 de octubre de 2017

ESCAPARATE POÉTICO (CXI) Miriam Ferradáns





                        MIRIAM  FERRADÁNS  (Bon /Bueu. Pontevedra, 1982)





PERTENCEMOS  a un lugar escuro chamado casa
onde só compartimos as derrotas e o sangue
que ás veces se derrama por un chan sen lousas.
Miriam Ferradáns

Intentamos o fogar pero a soga
é demasiado forte.

Somos unha familia de lazos que matan
e ninguén parece coñecer a diferenza.






O seu é o nome da pantasma,
ninguén pode pronuncialo sen arder.

Como podemos sobrevivir sen a beleza?
Pretenden obviar a túa existencia, negarte.

A memoria é amérela,
regresar á impertinencia, ao espazo necesario
onde doe.
Aprendemos a observar o fulagor
o percorrido,
negar o raio, evitar a sombra.
 
A memoria tamén se oxida
pero existe.

Ningún pai debería enterrar un fillo,
ninguna nai debería enterrar un fillo,
eles, tampouco.






NINGÚN paxaro é feliz entre as redes pero
quen pode liberarse da forza que o cativa?







Na presentación do libro
É difícil entender á tribo,
pertencer sen ser devorado.

Foi primeiro a posesión,
eramos seus antes da chegada.

Os paxaros esvoazan tempestades,
as mesmas que destrúen
as súas ás contra as reixas.

É difícil a tribo, levar o seu nome.

Eu podería derramar todo o meu sangue.

O amor é salvaxe.





(Do libro Nomes de fume. ( XXIX  “Premio Nacional de poesía Xosé Mª Pérez Pallaré”) editado por Espiral Maior. 2017)

viernes, 27 de octubre de 2017

ESCAPARATE POÉTICO (CX) João Manuel Ribeiro






                 JOÃO MANUEL RIBEIRO (Oliveira de Azeméis. Portugal. 1969)






SE EU DE TI  NÃO ME TRICOTAR

João Manuel Ribeiro


Ontem não tive tempo de ler-te os versos sosegadamente
     a noite ardilosa pariu o cansaço eu fiquei a ver-te
desmurar a cal da folha branca e a entorpecer as sílabas
     tu és um país de mel e eu vivo longe em exílio
os poemas em que me sento são canções de saudade e desejo
     nas margens desta babilónia seja de cinza e perdição
       este meu exílio se eu de ti não me tricotar







MAIS CORTANTE DO QUE QUALQUER FACA


       Reclino-me no silêncio que puseste à cabeça
e estendo as mãos para um qualquer murmúrio que te pesa
               dizes devagar os sentidos
          inverso modo de desaguar  a dor
      imagino tantas vezes a morte dinamitada
a vida assim é mais cortante do que calquer faca
                  sobre a cor branda dos días.







TRAVESSIA  INVISÍBEL


     Prepara a travessia invisível dos frutos
     dentro de quem nasce, mesmo se nada
acontece de transparente no amâgo da luz.

     O rumor do silêncio atravessa a matéria
   com que o poeta ceifa os días fugazes.





Xulio García Rivas. "Paisaxe II". Acrílico
SEMENTE BRAVIA


Lembra o chão onde cresceu a efémera flor
       da paixão respira o perfume da terra
intenso cultivo de soluços e temperanças
entrega os braços à faina dos gestos maduros
     põe os pés na aridez do deserto quente
e desamarra os desejos da água e das fontes
     morre semente bravia rente ao coração
   e renasce na dádiva simples e quotidiana






(Do libro Notícias fugazes do amor, editado por Busílis. 2016)



Ilustración de Gabriela Sotto Mayor

martes, 24 de octubre de 2017

DAVID OTERO ESCRIBE SOBRE BIBLIOTECAS

David Otero nunha das súas innumerables charlas


O día 24 de outubro é o “Día da Biblioteca”.
Canta necesidade de bibliotecas hai  na comunidade escolar! E xa hai moitas persoas que son conscientes desa necesidade e están traballando en Galicia dun xeito entusiasta e firme. O Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares de Galicia é un bo exemplo do que digo. Que gran labor o de Cristina Novoa e o seu equipo!

    Pero non creamos que todo é un lugar de rosas. Aínda quedan moitos centros que viven de costas á biblioteca escolar. E iso non se pode consentir a estas alturas da vida. Aínda hai persoas que non valoran o ben que unha biblioteca supón para dinamizar o centro e, a través dela, conseguir que a formación dos escolares se complete coa literatura moi preto deles.

     Contar con David Otero en Versos e aloumiños é un verdadeiro luxo, ademais dun pracer infinito. David é un home que consegue “encantar as palabras”. Un home dunha altura intelectual ampla e dun amor polo alumnado fóra de toda dúbida. Coma escritor, sempre procura a intensidade e o ton lúdico no seu discurso literario, además de ser un home crítico e moi esixente. Como persoa, alguén comprometido e honesto coa cultura de Galicia a todos os niveis.

    Ben, pois ninguén mellor ca el para escribir sobre algo que ama fondamente: as bibliotecas e as palabras. De aí que neste blog-revista non sintamos felices de poder contar cun artigo fermoso que nos conmove.

     Amigos e amigas de Versos e aloumiños, desfutádeo.





                                          AS BIBLIOTECAS

        
                                                                                                               DAVID OTERO


Poñen o seu día no vintecatro deste mes, martes, pero a grande palabra biblioteca debe , no valer dos desexos, dicirse e vivirse todo o ano conxugando o verbo ler, aínda que na data antedita do vintecatro lle deamos acariñadamente un intensivo acento.

     A nosa forza de lectoras e de lectores vai na suma dos días dos anos nos que nas bibliotecas ( e noutros espazos) exerzamos activamente lectura. Días dos anos os cales han reflictir en nós, nas nosas actitudes e conductas, as verdades emocionais desas experiencias lectoras, pois a lectura nunca perdeu a súa maxia, o seu misterio, pero tampouco o seu dramatismo, a súa vértice que nos envolve para que vexamos que neste mundo hai outros.
Nela hai memoria e xa que logo amor e tamén cabreo e xenreira, incomodidade ( non lle direi odio pero…) Iso si…pola lectura non debésemos parar quietos. Menudo fervedoiro.Pola lectura nós non somos receptores pasivos de tantos mundos que nos posibilitan os libros e outros soportes. Pola súa mediación, tamén polas autoras e os autores, estamos creando de seguido, pois facemos lectura co que somos e co que temos.

As bibliotecas non deben ser lugares de quietude, nin de silencio. Serán  espazos de nos atopar, de discrepar ou de chegar a acordos ilusionantes, pois nada debemos illar dos sentimentos. Serán lugares de lectoras e de lectores que permiten tempos de tactos e de contactos cos soportes de lectura, asemade que cos nosos pareceres e estimas, poñendo a rular experiencias e proxectos con traxectos, cos pés na terra e coas cabesiñas a brincar cos sentimentos nas tantas músicas das emocións, das fantasías e das imaxinacións,

Todo así ben cheo de horas cargadísimas de contidos marabillosos nos que facer lecturas de moitos tipos, pero en especial lecturas creativas, vivas e activadas a toda marcha e enerxías ( pois témolas e non poucas) e sempre nos abrazos sentidos e de cantidades volumétricas da nosa lingua e da nosa cultura ( como fundamentais conexións valedoras e eficaces para entender o mundo).
        
Paula, Eloy e Nerea, tres rapaces que levan, co seu Consello bibliotecario, a Biblioteca do colexio
     
     Velaí as bibliotecas , coas súas bibliotecarias e cos seus bibliotecarios, como nos ofertan oportunidades ( pasen sen chamar) para compartir mornuras cos soportes de lecturas, lendo, comunicando, xunto coas lectoras e cos lectores ( e cos que non o son, que tamén teñen importancia, pois han saber que as portas das bibliotecas están tamén abertas para elas e para eles, si, para entrar, para quedárense ou para írense).
     Nestes espazos de lecturas( non únicos) todas e todos sentiremos o latexar dos grandes corazóns das bibliotecas, pois a forza delas será o resultado da suma plural dos nosos. A dos nosos corazóns  de lectoras e de lectores.
Pasen e nótenno.
Feliz día ( lendo, claro).

sábado, 21 de octubre de 2017

REMUÍÑO DE LIBROS (34) "Un máis", de Olalla González e Marc Taeger







TÍTULO: Un máis.


 
AUTORES: Olalla González ( texto) e Marc Taeger ( ilustracións)



EDITORIAL: Kalandraka.






A editorial Kalandraka achégalles aos primeiros lectores este fermoso e suxestivo álbum ilustrado da man da mestra e especialista en animación á lectura Olalla González  e do artista suízo afincado no Morrazo Marc Taeger.

     Un máis  formula  a chegada dun novo membro á familia e os cambios que isto supón, non só a nivel físico por parte da nai, senón tamén anímico ao espertar o interese de todos os membros ante a expectativa da futura vida.
 
Olalla González e Marc Taeger
     A trama parte cando o protagonista do conto o pequeno coello se decata de que a súa nai presenta unha barriga que antes non tiña. Daquela, decide preguntarlle a que se debe,  e ante a noticia de que vai chegar un irmán, vai compartila cos seres máis próximos da súa contorna para ver se eles saberán dicirlle a data concreta do seu nacemento.

     Así que, deste xeito, lles pregunta ao Picapau, ao pequeno esquío, ao oso grande e mais á ovella. Todos amosan a súa ilusión e  solidariedade  preparándolle algún agasallo.
Cada resposta faille medrar a emoción e ábrelle as portas da imaxinación ao soñar co que poderían xogar, facer... cando sexan un máis.


     As distintas paisaxes estacionais reflectidas nos soños axudan a que os primeiros lectores teñan conciencia do paso do tempo ata a chegada do gran día onde ao pequeno coello lle agardan  varias sorpresas.


     O feito de que a súa estrutura sexa repetitiva e acumulativa atrae a atención do lector, que axiña se identifica co protagonista e déixase levar por toda unha amálgama de sentimentos onde a tenrura e a ledicia están presentes.



     As vivas ilustracións supoñen a lectura plástica do texto xogando coa combinación de cores nas escenas reais e a monocromía nas correspondentes aos soños do protagonista.

                                                                                                       ALBA PIÑEIRO

martes, 17 de octubre de 2017

UNS POEMAS de "Poemar o mar" para animarvos a POEMAR






Ao longo deste tempo, des que se soubo que me concederan o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, non recibín máis que o recoñecemento e o cariño de moitísimas persoas. Iso é algo que un sente ben dentro e que o emociona.

    Este galardón éncheme de ledicia a nivel persoal, pero o que me fai máis feliz é a reacción que este premio provocou e a posibilidade que o mesmo sirva para que a poesía galega estea máis presente nas aulas, nas bibliotecas e nos fogares.
Antonio García Teijeiro. Foto de Anxo Cabada

     Os nenos e nenas precisan da poesía e a poesía precisa deles. Os versos están feitos para ser lidos, cantados, recitados en voz alta. Para ser recreados, reformados, pensados e repensados. Todo o que non sexa así convértese nun erro irreparable.

     Como agradecemento a tantas persoas as que este premio fixo felices e para tantas outras que, en silencio, levan traballado tanto a poesía, uns poemas de Poemar o mar, para que sigan poemando malia todas as correntes en contra.


     Grazas polo voso agarimo e grazas moi especiais a Helena Pérez, a editora, e a Xan López Domínguez polas súas marabillosas ilustracións. Sen o seu bo gusto, nada sería igual.





             
         LENZOS MARIÑOS



Foto de Ramón Rozas

GAIVOTAS no mar: veleiros.

Veleiros no mar: escumas.

Escumas no mar: fervenzas.

Fervenzas no mar: a chuvia.





         


CUARTETO DAS ONDAS

                   
                               I

ONDAS que
               cos seus cantos
                          limpan a praia
                                    de fríos
                                            e
                                          prantos.

                    
Foto de Susi Fernández
                   II


POEMAS mollados
               que deixan as ondas
                                  na area agochados
                                         e borran as sombras.

                    
                   III


DAS ondas láiase o mar
e non sei moi ben por que.
Elas son caricias lenes
que o vento lle fai na pel.

                      

                  IV

UNHA onda de papel,
tinguida de salitre,
deixou unha presada
de versos ben ben tristes.







QUERE o mar o que non ten:
quere flores
                     de colores
quere rosas
                   olorosas
quere ovellas
                    sen orellas
quere gatos
                 con zapatos
quere festas
                   con orquestras
quere estradas
                       prateadas
quere espellos
                    mais non vellos
quere montes
                     e horizontes…
Quere o mar o que non ten.
                           Os seus soños
                                           non se ven.






ATOPEI
            unha palabra
                                que rima
                                          co sorriso do mar:
                                                                                                 SORRIMAR








jueves, 12 de octubre de 2017

DARDO POÉTICO (LI) "Dous poemas de Clara Janés deitados ao galego"




Non é un segredo para ninguén que entre as miñas voces poéticas favoritas se atopa Clara Janés.
     
     Versos e aloumiños tenlle dedicado varias entradas pola súa calidade literaria (mesmo máis alá da poesía)  e pola humanidade da que fai bandeira. Ademais, dende que tiven o pracer de coñecela persoalmente en Granada, foi unha muller xenerosa comigo. Sempre garda un detalle orixinal para min. Sempre recibo unha mostra de que non se esquece de alguén que a quere e valora.
 
Clara Janés
     Por todo isto, non vou volver falar dela en profundidade. Pódense consultar textos aquí, neste blog-revista, se alguén quere saber do que opino da súa obra ou ler poemas recollidos en diversas sección.

     Hai un tempo tiven a sorte de recibir dous libros dela. Dun deles, xa falei no seu momento. Era La noche de la pantera.
     
       O outro, editado pola editorial Tusquets, acabo de lelo. Trátase de Estructuras disipativas.
     Unha vez máis entrei nos seus versos e fiquei fascinado: unha proposta orixinal (toda a súa obra ten un moito de orixinalidade) que contén referencias á ciencia de vangarda; unha ciencia que aporta as súas metáforas para que o lector poida mirar con ollos diferentes un universo sacralizado. Ademais,  paga a pena salientar o feito de recorrer a versos doutros poetas para mesturar os seus e homenaxealos ademais de complementar as composicións de seu.


     E nestas estaba cando decidín atreverme a traducir ao galego dous dos poemas de Estructuras disipativas. Sei que é unha ousadía, pero sei, tamén, que Clara mo vai perdoar. Sentín a necesidade de poñer na nosa lingua a beleza e mais esa aventura do inesperado que é a poesía dunha muller que está en procura constante do novidoso. Desexaba sentila máis preto aínda do que está en min. O resultado está aquí abaixo.

       A ver que vos parece.



NA AREA


VOLVÍN  botar a rede ao aire
e o aire entre as mallas
fuxía
e na area os paxaros morrían
e o sol queimaba o horizonte
chamando as cinzas.
A palabra sen casca
era va:
á intemperie ficaban a ficción
e o seu intento.
Derreados a esperanza e a fe
recollían o derradeiro salouco do amor.
E na area os paxaros morrían
e na area esmoreaba o sono.

Entre as nubes brancas
unha vela sen rumbo
perdíase.




ANUNCIO DE FINAL


COMO a aguia, caeu sobre a súa presa
e, por aquela perda,
Sillón "u" da RAE que ocupa Clara Janés
coutando todo nexo
co seu centro,
cravou o alfinete da ausencia
e estableceu no corpo
unha insalvable
distancia coa vida.
O aire e mais a mansedume
esvaeceron,
e a inmobilidade foi
anuncio de final,
aínda que o sosego das plantas durmidas
enchía a penumbra
previa ao amencer.


                             


                                                                                                              ANTONIO  GARCÍA TEIJEIRO