Páginas

sábado, 21 de octubre de 2017

REMUÍÑO DE LIBROS (34) "Un máis", de Olalla González e Marc Taeger







TÍTULO: Un máis.


 
AUTORES: Olalla González ( texto) e Marc Taeger ( ilustracións)



EDITORIAL: Kalandraka.






A editorial Kalandraka achégalles aos primeiros lectores este fermoso e suxestivo álbum ilustrado da man da mestra e especialista en animación á lectura Olalla González  e do artista suízo afincado no Morrazo Marc Taeger.

     Un máis  formula  a chegada dun novo membro á familia e os cambios que isto supón, non só a nivel físico por parte da nai, senón tamén anímico ao espertar o interese de todos os membros ante a expectativa da futura vida.
 
Olalla González e Marc Taeger
     A trama parte cando o protagonista do conto o pequeno coello se decata de que a súa nai presenta unha barriga que antes non tiña. Daquela, decide preguntarlle a que se debe,  e ante a noticia de que vai chegar un irmán, vai compartila cos seres máis próximos da súa contorna para ver se eles saberán dicirlle a data concreta do seu nacemento.

     Así que, deste xeito, lles pregunta ao Picapau, ao pequeno esquío, ao oso grande e mais á ovella. Todos amosan a súa ilusión e  solidariedade  preparándolle algún agasallo.
Cada resposta faille medrar a emoción e ábrelle as portas da imaxinación ao soñar co que poderían xogar, facer... cando sexan un máis.


     As distintas paisaxes estacionais reflectidas nos soños axudan a que os primeiros lectores teñan conciencia do paso do tempo ata a chegada do gran día onde ao pequeno coello lle agardan  varias sorpresas.


     O feito de que a súa estrutura sexa repetitiva e acumulativa atrae a atención do lector, que axiña se identifica co protagonista e déixase levar por toda unha amálgama de sentimentos onde a tenrura e a ledicia están presentes.



     As vivas ilustracións supoñen a lectura plástica do texto xogando coa combinación de cores nas escenas reais e a monocromía nas correspondentes aos soños do protagonista.

                                                                                                       ALBA PIÑEIRO