Páginas

viernes, 22 de septiembre de 2017

REMUÍÑO DE LIBROS (32) "Abecedario Ilustrado", de Carles Cano





TÍTULO: ABECEDARIO Ilustrado.




AUTORES: Carles Cano( texto) e vinte e sete ilustradores





TRADUCIÓN: Anaír Rodríguez.




EDITORIAL: Xerais.





Este “Abecedario ilustrado”aínda que xa hai un ano que saíu publicado, segue a ser un álbum ilustrado a ter en conta nas primeiras idades, pois o abecedario é o xermolo das palabras e, xa que logo, do proceso comunicativo tan necesario para a sociabilidade e a convivencia.


     Da man da editorial Xerais chegaba hai un ano ás nosas librarías este fermoso álbum ilustrado para os primeiros lectores. O seu autor é o polifacético e mago das palabras Carles Cano, escritor valenciano de recoñecida traxectoria dentro da literatura infanto-xuvenil e cultivador da poesía visual. Tanto o seu contido coma a súa concepción plástica atraen o lector dende o principio. Cada letra do abecedario está representada a dobre páxina.
 
Carles Cano
     
     Na primeira páxina aparece a letra acompañada por unha verba que comeza por ela e que resulta moi evocadora e de fácil recoñecemento por parte dos lectores. Deseguido vén a definición poética desa palabra que se converte na protagonista do poema e no que a creatividade, os xogos de palabras, o humor e tamén a tenrura están presentes.
    
     Toda esta páxina representa a lectura textual, na que o neno inicia o seu proceso lingüístico de asociación de sons con palabras e con textos. O feito de que o texto vaia escrito en maiúsculas e en minúsculas axuda ao desenvolvemento do proceso lector porque permite familiarizarse con ambas grafías.

     Un exemplo do dito podería ser:

     Libro: “ paxaro con ás de papel / voa sempre libre, / e a min lévame con el”

      A segunda páxina está reservada para a ilustración a cargo de vinte e sete ilustradores, tanto españois coma hispanoamericanos, todos eles de talento recoñecido e con ampla experiencia, que plasman pictoricamente cada un co seu propio estilo, a  súa lectura plástica das letras do abecedario.
 
Ilustración de Víctor Rivas
     
     Ao final do libro aparece unha interesante nota informativa, acompañada da fotografía de cada un. De entre eles podemos nomear a Xan López Domínguez, Emilio Urberuaga, Federico Delicado, Carmen Solé Vendrell, Miguelanxo Prado, David Pintor, Víctor Rivas e un longo etcétera ata os vinte e sete.


                                                                                                        ALBA PIÑEIRO