AUTOR: Antón Cortizas
ILUSTRACIÓNS: Sonja
Wimmer
EDITORIAL: Tambre. COLECCIÓN: Ala Delta
A editorial Tambre-Edelvives achégalles aos
lectores, a partir de dez anos, este fantástico poemario pertencente a un dos
autores referentes dentro da nosa LIX. Trátase de Antón Cortizas, autor con ampla bagaxe de creación literaria en
diferentes xéneros e gran coñecemento da literatura popular de tradición oral.
Pero ante todo é un amante da palabra, coma eixo fundamental para todo o demais.
Se hai palabra, hai liberdade e se a usamos de xeito atinado, revalorizámonos
coma persoas.
Zoonetos segue a liña de compartir cos
máis novos esta ferramenta tan importante coa que contamos para rir, denunciar,
namorar, xogar e reflexionar que non deixará indiferentes aos seus lectores
pois é un poemario que resulta atraente tanto pola súa estrutura coma polo seu
contido.
No referente
á primeira porque conta con dous prólogos, un prosaico e outro poético onde o
autor a través do humor, fai que nos familiaricemos coa estrofa clásica do
soneto.
Logo veñen
os cincuenta e tres sonetos (algúns son estrambotes) para rematar cun índice
onomástico dos diferentes animais integrantes.
En canto ao
contido, a listaxe dos animais protagonistas é ampla abranguendo a anfibios, arácnidos, aves,
crustáceos, insectos, mamíferos, peixes, réptiles etc, toda a fauna animal ten
cabida neste libro: dende os de tamaño máis grande ata os máis pequenos pero de
igual e importante contribución para manter o equilibrio no mundo.
Aínda que os
versos estean suxeitos a un esquema métrico fixo, isto non impide que sexan
vivos e estean cheos de humor e dunha musicalidade rítmica que invita a
experimentar e xogar con eles pois van da man da emoción e dos sentimentos.
As
ilustracións en branco e negro de Sonja
Wimmer resultan expresivas e moi suxestivas, dotando de vida e trazos
humanos os diferentes protagonistas.
ALBA PIÑEIRO