Páginas

miércoles, 14 de junio de 2017

REMUÍÑO DE LIBROS (27) "Avións de papel", de Xavier Estévez







TÍTULO: Avións de papel.

 
AUTOR:   Xavier Estévez.


ILUSTRACIÓNS: Marcos Viso.


EDITORIAL: EDICIÓNS XERAIS. COLECCIÓN: Merlín.





Avións de papel é unha engaiolante e fermosa novela que a editorial Xerais lles achega aos lectores preadolescentes da man de Xavier Estévez e que vén avalada por ser finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil, 2016.

     Trátase dunha novela iniciática e lineal a través da cal os seus protagonistas van dar o salto da nenez á madurez, descubrindo que a vida non sempre é como un desexa e que hai situacións e circunstancias  coas que temos que aprender a convivir por moi dolorosas que nos resulten.
 
Xavier Estévez
     Ao longo das súas páxinas o autor introdúcenos, a partir das voces narradoras dos seus protagonistas, nunha viaxe a través da emoción xurdida da arte plástica urbana, da palabra poética, da xenerosidade que vai ao carón da amizade, á vez que nos convida cara a un mundo máis humano, solidario e xusto.

      A trama comeza cando Lucas, un neno de once anos, espelido e curioso, pero tamén solitario, ás veces non por gusto, decide coñecer a persoa que fai voar avións de papel, sempre á mesma hora e dende a mesma fiestra dun alto edificio. Deste xeito coñece a Sara, unha nena da súa idade que vai en cadeira de rodas e coa que comparte o gusto pola lectura e a escrita. O que comezou coma un encontro casual vai converterse nunha fonda amizade chea de complicidades e descubertas. Entre os dous lograrán saber a identidade do misterioso Hopper, artista urbano que cos seus graffitis e murais contribúe a darlle vida á cidade na que viven. Pero co que non están de acordo as autoridades e certos veciños.

     Novela que abre as portas á imaxinación, á reflexión e ao debate e que nos amosa un percorrido da arte urbana de Vigo e outras localidades galegas na nota do autor, a xeito de epílogo.
 
Fermosa ilustración de Marcos Viso
     As vivas e suxestivas ilustracións de Marcos Viso están en perfecta sintonía co ton textual e engádenlle unha lectura plástica que complementa a historia narrada.


                                                                                                      ALBA  PIÑEIRO