Páginas

martes, 6 de junio de 2017

REMUÍÑO DE LIBROS (26) "Os nenos da varíola", de María Solar







TÍTULO: Os nenos da varíola.


AUTORA: María Solar.



EDITORIAL: Galaxia. COLECCIÓN: Costa Oeste.



 A xornalista e escritora galega María Solar achégalles aos lectores adolescentes e adultos esta emocionante novela divulgativa sobre un feito histórico ocorrido a principios do século XIX (1803) e cuxos protagonistas foron vinte e dous nenos expósitos procedentes de diferentes orfanatos: da Coruña(a maioría) pero tamén de Santiago de Compostela e mais de Madrid.

      A trama fai fincapé nos días previos á saída dende o porto da Coruña con destino a América, da chamada “A Real Expedición Filantrópica da vacina” levada a cabo polo doutor Balmis pertencente á corte do rei Carlos IV. Isto significou unha das fazañas médicas a destacar dentro da humanidade porque os seus protagonistas(os vinte e dous nenos) foron os encargados de levar ata América nos seus brazos a vacina da varíola. Enfermidade que se logrou erradicar segundo a OMS en 1980.

María Solar

      Ao longo dos vinte e sete capítulos descubrimos a vida miserable que sofren os nenos estigmatizados, polo feito de ser pobres e orfos, por unha sociedade hipócrita e amoral. A acción desenvólvese no hospicio da Coruña onde a reitora Isabel Zendal xunto co ilustrado doutor Posse Roybanes loitan diariamente por darlles alimento, coidados e mesmo agarimo, aos nenos que alí malviven por falta de medios. A chegada do doutor Balmis e a súa misión, suporá dentro desta atmosfera de negrura e crueldade, unha luzada de esperanza de futuro para todos.


     A través dunha prosa fluída e clara a documentación histórica mestúrase coa ficción para homenaxear a estes heroes que contribuiron á evolución da humanidade.



                                                                                                                                                  ALBA  PIÑEIRO