TÍTULO: Todo o
tempo do mundo.
ILUSTRACIÓNS: Marcos
Viso.
Edicións Xerais. Colección: MERLÍN
Todo
o tempo do mundo é o último premio Merlín(2016) que
Xerais lles achega ao público infanto-xuvenil, pero co que os adultos tamén
gozarán. O seu autor, David Pérez
Iglesias, é escritor, guionista, profesor e responsable da canle de vídeos
SonCine.
Trátase dunha novela realista na que
a súa protagonista, Ariadna, unha nena de case doce anos, será a encargada de
amosarnos como unha situación, a priori, negativa pode converterse en toda unha
experiencia vital. Como o feito de non posuír nada material pode significar o
camiño cara á liberdade para recoñecer o importante.
David Pérez Iglesias |
A través dos seus recordos, que actúan como fíos condutores ao longo dos 35 capítulos que artellan a historia, coñecemos como o seu pequeno mundo urbano, no que vive cos seus pais, vai esmorecendo polos nefastos efectos da crise económica ata chegar ao baleiro. Este prodúcese cando os seus proxenitores deciden emigrar a Canadá e deixala co seu avó paterno ata que poidan levala con eles. Os vinte días que pasa na aldea, ao carón do seu avó Valente, serán días de aprendizaxe e coñecemento das súas raíces, de identidade cunha terra, cunha paisaxe, cunha cultura e cunha lingua. Serán os alicerces sobre os que vai asentar a súa futura personalidade. Deste xeito a súa sensación inicial de abandono transformarase na seguridade de ter o legado máis importante para a memoria da humanidade, a palabra.
David Pérez Iglesias, ben coñecedor do
valor das palabras, emprégaas de forma clara, precisa e directa para que o lector poida saborealas e
sinta os sons, as cores e mesmo os recendos do que nomean. Reivindica o seu uso
coma símbolo do que somos.
As ilustracións de Marcos Viso delicadas, exquisitas e suxestivas reforzan o
significado connotativo do texto á vez que matizan certos detalles simbólicos.