Páginas

miércoles, 28 de septiembre de 2016

PAPEIS RECOBRADOS (10) Palabras

   Fotografía de Anxo Cabada



Velaquí un artigo ao que lle teño moito agarimo. Publicado n´A Nosa Terra no seu momento ten unha vixencia infinita.
     
     E ten esa vixencia porque se fala da necesidade da palabra.
     
     Levo ben anos agasallando palabras, rescatando palabras, recibindo palabras, lanzando palabras, aprendendo palabras, amando as palabras.
     
     Vin ao longo do tempo como os meus fillos se foron apoderando das palabras, descubríndoas, utilizándoas, facéndoas libres e vivas.
     
     Vin como o meu alumnado escribía palabras, denudaba palabras, descubría os valores das palabras, xogaba con elas, mesturábaas e creaba os seus discursos de seu.


     Nestes intres nos que semella que non se conversa abondo. Que a lectura non está nas prioridades da sociedade. Que se estraga o idioma ou, que triste!, que o galego loita por sobrevivir, recobro estas liñas para que sirvan de estímulo nun intento de dignificar as palabras.




                                                   
                                         PALABRAS

                                                                   


Encántame a palabra palabra. 
     Sempre pregunto aos rapaces nos encontros que palabra lles gusta máis. Saen as típicas: paz, amor, lúa, nube, estrela etc. Fican pampos cando lles digo a miña favorita: palabra

     Coas palabras xogamos; con elas mentimos, amamos, denunciamos. Coas palabras rabuñamos nos sentimentos, deixamos pegadas na alma, acariñamos os rostros das persoas, facemos que as voces treman, que estimulen. Conseguimos que se diga si e non, dentro ou fóra, frío ou calor, branco ou negro. 

     Volvo a miúdo aos versos de Bernardino Graña: O vento levou follas e palabras/ levou rumor e ruído. Versos potentes que me levaron a escribir un día : Que as traia de novo, / que quero berralas, / que quero dicilas / ben forte as palabras
Bernardino Graña

     Si, quéroas preto. Que non me deixen orfo. Lembro un verso turbador de Alberti: Siento esta noche heridas de muerte las palabras. Versos, todos eles, que me levan a esixir que salvemos as palabras. Que nos axuden a estiñar as feridas que as maltratan. Fagamos que a rapazada se agarre a elas. 

     
     Traballemos para que abandonen esa pobreza lingüística que os caracteriza. A palabra é un xoguete, si, pero, sobre todo, é un instrumento necesario cun legado cultural e social detrás que convén salientar. 

     Enchamos de palabras as aulas. Que as digan en voz alta. Que as atopen nos silencios. Que as empreguen para ser eles mesmos. 
     
Luis Mateo Díez

     Que descubran as cores que  teñen a palabra narrativa (contar/escoitar), a palabra poética, a palabra cantada, a palabra amena, directa, porque, como di Luis Mateo Díez, “ necesitamos ser donos dos instrumentos que avalan a nosa existencia, e o máis inmediato é a palabra”.

                                                                                    ANTONIO  GARCÍA  TEIJEIRO