Coñecín a Martiño Maseda este ano en Mondoñedo co gallo do evento “Mondoñedo é poesía”. Escoitei os seus versos e chegáronme ben dentro. Falei con el e axiña notei unha persoa ben interesante.
A súa poesía directa, cálida, traspasa as
liñas externas do lector/a sensible para ancorarse ben dentro. E é crítica,
clara, cun compromiso indiscutible con Galicia e a súa lingua.
Gústame como escribe. De aí que lle
solicitase un texto para A luz das palabras. Tiña dimensión abonda para nos alumear.
Non me mandou un texto. Envioume dous:
unas liñas magníficas sobre a súa persoa (que publico tal como as recibín
porque son perfectas) e un poema sobre a nosa lingua (moi acaído nos tempos que
vivimos).
Dende Versos e aloumiños queremos agradecerlle
estes dous textos marabillosos, dos que nos sentimos moi fachendosos neste
blog-revista.
Martiño Maseda |
Cando Martiño fala de si...
Nacín aló polo solpor de 1970 en Xoibán (Vilalba),
pequeno recuncho perdido na inmensidade da Terra Chá. Licenciado en Filoloxía
Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela. Ademais de escritor, son
colaborador no suplemento A Chaira do xornal El Progreso, no xornal Sermos
Galiza ou no portal web Galicia Dixital, onde vou deixando retallos do seu
xeito de pensar e opinar. Aínda que dende neno lle gustou escribir, a miña
andaina literaria xurdiu no berce dos certames literarios, a partir dos anos 90,
conseguindo distintos premios, dos que se poden salientar o Certame de Contos para Mocidade en
Ourense, o Premio de Poesía Pedro Alonso
Morgado en Huelva, o Certame Liteario
de Vilalba (en varias ocasións), o Certame
sobre o Nadal en Begonte, o Certame de
Narrativa Curta Ánxel Fole (tamén en dúas ocasións) e, o máis recente, un
3º premio no Certame de Poesía Manuel
Leiras Pulpeiro. Até o de agora leva publicados os poemarios Diario dun ser perdido, Nos labirintos da
alma, Entre as paredes do silencio, Fotogramas da desfeita e Xeografía da desolación. Así coma os
relatos Todo por unha teima e A endeble esencia; xunto a outras
publicacións en revistas literarias (como a Revista Xistral, por exemplo) e obras colectivas.
Asinando o seu poemario "Nos labirintos da alma". |
LINGUA QUE ME FALAS
Lingua que me falas,
escoito o teu berro de dor
adoecida
na friaxe da lousa que se
estende
de traidores,
de renegados das esencias
que alimentaron o seu carácter
ao seren paridos pola nai terra
aldraxada.
Teiman en soterrar a afouteza
das raíces que os avergonzan
baixo un cemiterio de pedras
mortas,
de mentiras contadas na ágora da
tiranía;
firmando falsas sentenzas por
xuíces inicuos,
mercenarios da lei inventada
en parlamentos do coitelo e da
impunidade,
para diluír a natureza do que
somos
no trollo da mutua xenreira.
O teu bramido lingual, de animal
caído
durante a cacería dos bastardos,
chega a min,
entérrase na miña arquitectura
como unha inxuria
de disonancia metalizada,
fendendo os libros da historia
que vou escribindo,
e faime gotexar palabras que
laian a etimoloxía
dun tempo mancado:
orfos suplementos gramaticais
no ronsel do aforismo espido,
monemas da enxebreza que agora prostitúen
en lupanares onde izan bandeiras oficiais.
Se cadra te vexo sucumbir
agoniando nas mans dos teus
asasinos
que tamén me ferirán a min
coa túa ansiada inexistencia;
ou te deixen moribunda nunha
gabia acompañada
pola memoria dos que te amaron,
pola rabia indómita dos que
aínda te nomeamos
con vocábulos de nación e
morriña;
pode que borren con teima
as túas grafías impresas no
coiro dos anos
para que ninguén máis poida
lerte
nin beber o ritmo poético das
túas perífrases
co ollar famento do ser ceibe;
ou silencien a fonética do teu
ancestral alfabeto
para riscar o son construído en
sentimentos de amor
e patria;
talvez argallen unha contenda
civil
amigada coas heréticas
margaridas
ou inserida nos montes
na espada lanzal do toxo.
Mais ningún sofisma que
alburguen
vencerá o teu feitío de rocha e
carballo,
de poesía
e
vento.
Lingua que me falas,
que te escoito;
lingua que constrúes
as paredes do meu verbo;
lingua feita sangue foula verso;
lingua berra
non cales,
abre fendas
entre
as sombras do silencio.
Lingua de enxebre forma,
de
sintagma eterno.
Lingua
Casa
Terra
Tempo.