Páginas

domingo, 15 de mayo de 2016

ESCAPARATE POÉTICO (LXXX ) Ismael Ramos





                             ISMAEL RAMOS  (A Picota, Mazaricos, 1994)





Chego no barco. Parece que rompésemos o coiro da auga.
Unha ferida de escamas que se pecha tras de nós. Así é o
monstro.
Á esquerda as ruínas brancas do templo.
Ismael Ramos
Disme que esta é unha cidade con moitos deuses. Que o
vento asubía nas gaiolas dos pescadores.
Eu non oio nada pero é como se enterrasen un rei todos
os días.




A derrota.
Pola noite a area da Praia é terra fría e fértil como boca de
animal morto.
Preparada para recibir un corpo calquera.
Calquera barco. Calquera bandeira.



Fuxe do paxaro, do sangue, da víscera.
Queda coa mesa. Senta. Pois só ela sobrevivirá aos seres
que a observan.
 



Negar o azul é máis que nomealo. Non falarei do mar:
xa non se pode. Pero entón de que? O amor sucede nun
coche e case nin vemos o mar pola néboa pero está aí.
Case non hai pobo pero está aí. O amor é un corpo. O mar
é un corpo cheo de corpos que non poden falar. O amor
é un pobo que non pode falar.
Negar o azul é falar da auga e da carne. Negar o azul
é a rocha, o debuxo das mans sobre a ferida. Quero para
ti un lugar que ula así, coma este coche. Esta calor da
calefacción. Algo que nos acariñe. Negar o azul é o cariño
co que se abre a ferida.
Non imos ter medo da dor. O mar é o mar. O amor é o
mar. Unha viaxe en coche. Elíxote a ti para que me leves
ao cabo do home o día que saiba que vou morrer. Ti oirás
a verdade.
Entón non falarei do mar.Será outra cosa. O azul será xa
outra cousa.



(Do libro Os fillos da fame, editado por Edicións Xerais.2016. “Premio de Poesía Johán Carballeira”, 2015)