Páginas

jueves, 17 de marzo de 2016

A LUZ DAS PALABRAS (52) Eva Veiga



Este foi, lémbroo ben, o primeiro poema de  Eva Veiga que eu lin.
        
Eva Veiga
           Por riba dos tellados, alá ó fondo
         os montes berran.
         O meu corpo vaise derrubando
         en secos terróns
         sen alma.

     Abrira ao chou o poemario Paisaxes do baleiro editado por Edicións Xerais na súa colección Ablativo Absoluto. Corría o ano 1999. Foi un frechazo que me sacudiu ben dentro.  Fíxenme con el e decateime de que Eva Veiga ía ser unha das miñas poetas de cabeceira. Non me trabuquei.
Con máis calma lin os poemas do libro e sentín algo no meu interior que me levaba directamente á emoción infinita:
        
          Observo a canseira do espello:
         Hai un óxido lunar
         apozado na súa eterna vixilia.

     Paisaxes do baleiro era o segundo libro de Eva Veiga. Despois viñeron máis. Poemarios que saboreei con pracer e que axudaron a ver o cosmos que me rodea dende a fondura da palabra poética. Ou sexa, do transcorrer da vida, máis rica grazas aos seus versos.

     
Eva Veiga (Ombre, Pontedeume, A Coruña, 1961) xornalista e poeta, desenvolveu unha polifacética e intensa actividade profesional na Televisión de Galicia, especializándose na dirección e presentación de programas culturais. Galardoada con diversos premios xornalísticos, colabora actualmente en diversos xornais e revistas e forma parte do grupo poético-musical Ouriol. Co poemario A distancia do tambor (Espiral Maior) gañou o X Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño.
Entre outros ten publicados os seguintes libros de poemas: Fuxidíos (1993), A pedra insomne (2002) A luz e as súas cicatrices (2006) ou A frecha azul do teixo (2010).

     
Eva Veiga

     
     Gústame a fondura da súa poesía. A intensidade que os seus versos posúen para rañar nos sentimentos do lector. Prodúcese unha unión intimista entre o seu discurso e a esixencia de quen ten o poema diante. Poemas para avivecer"" ese lume/que só un frío mortal/sería quen de alentar". Poesía limpa e directa.
    
     Poemas que abrazan en voz baixa, pero cunha forza interna excepcional: "ser en/ti/puro instante/que  expira e abre/a un tempo/a flor do mundo".

     Poemas que sacoden e poñen o dedo nas chagas do amor, do desamor, da loucura humana, nas súas feridas. Poemas que te reconcilian coa existencia e axudan a comprender mellor a esencia do ser humano.
        
            Como ese abismo
            que alberga
            o esquelete do mar
        
            ti medras da loucura
        
            do lampo que un día
           fai estalar o espello
           de todos os días.

     Magnífico este poema contido n´A distancia do tambor (2014), polo de agora o último poemario de Eva Veiga. Unha muller xenerosa, sensible, intelixente e que envolve os lectores/as cos seus versos.

     Por iso había que solicitarlle para esta sección un texto. Eva Veiga tiña que estar presente n´ A luz das palabras. A súa presenza era imprescindible. E ela respondeu dun xeito agarimoso escribindo un poema especialmente para este blog-revista (que me dedicou e que lle agradezo persoalmente). Unha honra.

     
Eva Veiga recitando

     
     Estes son os versos dunha poeta que deixa a súa pegada no interior dos que a lemos. Sempre estamos a agardar  un novo poemario seu e a miúdo voltamos sobre o que leva escrito.


só di que
guindaba os ollos-anzois sobre

o albor infindo
"Árbore na néboa. Vilar". Tinta china e acuarela sobre papel. XULIO G.RIVAS

mais a casa do
que se desfai
a súa filia

de igual modo
respirar esta atonía
coma quen regresa
ao exacto lugar
do agora

sen máis
sen esperanza

                                               eva  veiga

Eva Veiga recita poemas do seu libro "A distancia do tambor" acompañada por Fito Ares e Bernardo Martínez, músicos que con ela forman o grupo poético-musical "Ouriol".