Páginas

sábado, 26 de diciembre de 2015

ESCAPARATE POÉTICO ( LXIV) Rosa Enríquez




                                    ROSA  ENRÍQUEZ  (A Rúa- Ourense-, 1969)

    

     
          HAI TAN SÓ DOUS DÍAS QUE MARCHOU
pero parece moito más / meses talvez.
lembro a súa boca na miña e o movemento dos beizos
despois/ ao falarmos do noso bico.
veñen entón á miña mente as palabras de fouad el-etr
sobre a boca desexada: (…) je regardais les paroles qui/ sortaient
 de sa bouche seulement en pensé comme des longs cils de soie…

Rosa Enríquez
creo que as bocas da xente que desexamos son todo un misterio
malia abriren coma grotas. adoramos como tiran de nós.
daquela imos cara á boca
pelexamos coa súa lingua gorentosa.
ao envurullármonos nela
aumenta o desexo: queremos máis
desa cavidade que nos busca.
arelamos o corpo
ao que pertence.


     

          AÍNDA QUE TALVEZ ESCRIBA
para saber máis de min
e desenmascarar as mentiras
ocultas nas feridas máis abertas.
xa o dicía rilke naquelas cartas:
mire vostede cara a dentro.
e tiña razón. haberá que envorcar
cara á fóra iso que a pel murmura
o que renxe e estala
e se mostra sen mostrarse
o que está no cume pero non vemos
o que ocupa toda a superficie
e non sempre se recoñece en chamas.



     

          FALA ENTÓN DA BELEZA
da rosa infinita que renxe na noite
da danza vigorosa que racha a vontade
de cómo pode perder todas as follas
e ser aínda fermosa sen que isto se aprecie
nin sequera por aqueles que a cantaron
arrastrando o corpo inflamado
para suplicarlle piedade.

e así é como ela se sente
        -  coido eu -
ao anticiparse ao abandono/ tirada atrás
entre o cascallo das ciudades grandes.
envolta no ar dos días sucesivos.
metida nunha cunca de café.
apesarada pola visión decepcionante
dun futuro terríbel.
podes verme? –pregunta de socato.
si –dígolle- podo verte.
mais/ podes verme de verdade?



  (Do libro  Historia do meu corpo en labaradas / Historia de mi cuerpo en llamas, editado pola Editorial Neopâtria. 2015)




                                        Rosa Enríquez cóntanos as tres razóns fundamentais polas que comezou a escribir.