A colección Árbore (tan querida para min) da Editorial Galaxia continúa con paso
firme a súa andaina dentro do panorama da LIX galega.
Un sempre está a agardar a saída de novos
libros da colección, porque achegan moito aos lectores dende diversos puntos de
vista.
E agora que comeza o curso, os mestres e
mestras deben ir tomando nota para que as boas lecturas estean presentes nas
aulas.
Tres son as novidades de Árbore
que queremos salientar hoxe.
Para lectores de 8 anos en diante, temos un fermoso libro de Enric Lluch, Almas
de algodón, traducido do valenciano ao galego de xeito magnífico por María Dolores Villanueva Gesteira.
Nel atopamos a Carlos, un neno con
discapacidade intelectual, a quen os seus pais, os mestres e os amigos
intentarán facilitarlle a integración. Non vai ser fácil ata que aparece a
figura dun vello misterioso, Tobías, que , a través da maxia e da imaxinación ,
fará que todo sexa máis doado para o rapaz.
Un libro de literatura, que expresa uns
valores determinados , nunca de maneira artificial. As realidades diversas que
poboan a nosa sociedade son utilizadas na literatura, demasiadas veces, de
maneira insubstancial, ben afastadas do obxectivo fundamental dunha obra
literaria: que esteticamente sexa interesante, que estea ben escrita e, en
definitiva, que sexa LITERATURA. E isto sábeo ben o autor que convida a reflexionar
sobre moitos temas: a integración, a non discriminación, a imaxinación para
saber como enfrontarse ao mundo, a función da familia etc. Mais non o esquezamos:
todo isto será perfecto se, por riba de todo, notamos que o literario debe
prevalecer sobre o demais. Enric Lluch teno claro e permítenos gozar dunha
historia ben fermosa.
Emocionante a proposta de Tobías cando
invita a ler cos ollos pechados. Poética e imaxinativa.
E non esquezamos a obriga de valorar e
entender nos demais (e en nós mesmos) as virtudes e limitacións que todos
temos. Algo que queda moi ben reflectido neste precioso libro.
A partir dos 10 anos,
atopamos outro libro altamente recomendable: O becho que quería comer á avoa,
de Rocío Leira.
Sempre gustei das historias , por outra
banda tan comúns na LIX, que contan a relación dos nenos cos avós ou avoas. Ademais,
son homenaxes merecidas a esas persoas que nos últimos anos tanto loitaron por
levar adiante a familia en condicións moi difíciles.
Rocío Leira cóntanos a historia de Sara, unha nena que adora á avoa, que
mantén con ela unha relación tenra, aberta e chea de afecto. Son felices
xuntas. Gozan das pequenas cousas da vida. Pero un día as cousas comezan a
cambiar: semella que un becho quere comer a boa muller. A tranquilidade altérase, aparece a
preocupación na casa e a nena está desconcertada.
-
Pásache
algo, avoíña? Por que non me fas
cóxegas? Por que non ris?
Eu
collinlle os beizos e estriqueillos para arriba, pero a avoa non se movía. E
logo comezaron a caerlle babas polos beizos, coma se fose escuma…
Un relato dun tenrura
extraordinaria, escrito con sinxeleza, que nos presenta a enfermidade e a posterior perda dun ser querido dun xeito literario, con delicadeza, con
naturalidade. A morte, tema tabú non hai moito tempo, xa se comeza a contar nos
libros de lectura. A morte, un feito moi próximo aos seres humanos, que a LIX xa incorporou aos variadísimos temas
que nela se tocan. Libro moi recomendable.
E tamén para lectores de 10 anos en diante, aparece o libro O
álbum de Garrincha, da escritora coruñesa Beatriz Maceda Abeleira. Un libro que fai do fútbol unha razón para
enfrontarse a unha sociedade hostil e que pode servir moi ben para entender o
mundo no que vivimos.
O álbum de Garrincha conta a
historia dun neno que chega a Galicia procedente do Brasil, porque os seus pais
herdan unha casa e queren ofrecerlle unha vida con mellor futuro. João, o
protagonista, deixa atrás as súas vivencias americanas: as favelas, as
excursións ao mato Grosso co seu avó, os partidos do Botafogo…e terá que asumir
a nova realidade, algo que non vai ser sinxelo. Pelexas, problemas cos
compañeiros, a dificultade de facer amigos non farán doada a integración.
Nesta difícil situación aparecerá o fútbol
para aliviar os problemas. Con Garrincha coma ídolo e tras ser convidado a
entrar nun equipo local coñecerá a Xabi, que se converterá no seu amigo e con
el dará un xiro enorme na súa existencia.
Aos que nos gusta o fútbol e, ao tempo,
desgústanos moitas das cosas que o rodean, esta historia énos moi interesante.
Porque, co fútbol polo medio, e deixando a un lado as banalidades que contén,
podemos atopar a camaradería entre mozos e mozas, ademais de valores coma a superación polo esforzo, a
xenerosidade, a forza para vencer adversidades tanto físicas coma psicolóxicas,
é dicir, o fútbol, coma escola de vida que tamén o é.
Un álbum de recortes do seu pai trae á
vida de João a Garrincha, un futbolista brasileiro, mítico, cunha capacidade
inmensa para superar as eivas físicas que tiña. Garrincha suporá para el a
ollada ás súas raíces e a lembranza do xogador vaino axudar a vencer moitos
obstáculos.
Unha historia que se le con gusto, que
anima a pensar e a considerar o ser humano como un suxeito capaz de superar os
problemas e relacionarse cos que o rodean, se se lle achegan referencias
sólidas.
Tres propostas literarias, estas de Árbore,
que se deben ter en conta á hora de pensar en lecturas para os nenos e nenas
que comezan un novo curso.
Ilustración de Laura Beleiro para "O álbum de Garrincha". |
ANTONIO GARCÍA
TEIJEIRO