Páginas

domingo, 20 de septiembre de 2015

MÁIS LIBROS PARA NENOS E NENAS (OU PARA TODOS) QUE NOS PRESENTA EDICIÓNS XERAIS NAS DIVERSAS COLECCIÓNS DE LIX.



Pouco se pode engadir ao que se leva dito sobre Edicións  Xerais e a súa extraordinaria aposta pola LIX galega.
     
     As súas coleccións son referencias inexcusables no eido literario para os pequenos (terreo do que estamos a falar) e, ademais, tira do prelo  publicacións didácticas e de investigación dun valor indiscutible.

     O que nos ocupa agora é salientar algúns libros publicados recentemente, que poden servir para que o profesorado se achegue a eles e poidan ser utilizados nas aulas e facer máis felices aos alumnos.

     


     Destacamos en primeiro lugar unha obra de teatro deliciosa: Xogando con gatos, dun dos grandes escritores da LIX galega, Antón Cortizas. Unha peza en catro actos que nos leva, cun humor e cunha inmersión no mundo da literatura popular, a gozar dos personaxes e as situacións que o enxeño do autor propón. Xogos con música, poemas, cancións, alternancias de personaxes reais con sombras chinesas, monicreques de luva e de corda…Un verdadeiro espectáculo. Xogando con gatos lese moi ben. E temos que acostumarnos a ler teatro, porque moitos descubrirán que é un pracer descoñecido. Nas páxinas finais atopamos os pentagramas das cancións interpretadas durante a representación.
     
     Para entender o espírito desta obra, subliñamos aquí unhas palabras do autor: “Quizabes, se os meniños e as meniñas xogasen como se xogaba, en creatividade, libertade e gratuidade, esta obra non tería razón de ser”.
     
     As ilustracións de Leandro Lamas son festivas, cheas de colorido, moi vivas e dunha grande expresividade. Marabillosas.
     
Ilustración de Leandro Lamas

     Incluída na colección “Biblioteca Dramática Galega”,  Xogando con gatos mereceu o “VIII Premio Manuel  María de Literatura Dramática Infantil 2014”. Un obra para ler e, por que non?, para facer unha interesante montaxe.

    

     

     

     Tenrura, aventura e unha protagonista, Erea, cunha curiosidade fóra do común, son algunas das características do precioso libro de María Canosa, que aparece na colección Merlín, Rubicundo.
     
     Como actuaría cada un de nós se tivese un veciño moi especial que nos espertase cun  ruído estraño producido polo renxer dunha bicicleta pasada de moda? Un veciño cunha indumentaria sorprendente para montar en bici: un gabán e un sombreiro de copa negros, cun traxe cor acibeche por debaixo. Pero o máis estraño é que Rubicundo comezaba a súa viaxe enriba da árbore do seu xardín facendo equilibrio sobre un arame. A partir de aí, o home movíase polo aire, sen sustento ningún.
     
     E Rubicundo, ao que os rapaces lle chamaban Rubi, enfadábase con eles por chamalo así. Os cativos berrábanllo para amolalo e el arreboláballes o bastón ou calquera obxecto que tivese na man sen intención de darlles, xaora, pero si para velos fuxir de alí a fume de carozo.
      
     Neste panorama, Erea, curiosa ela, toma unha determinación: achegarse a el. A partir de aquí, a aventura, a imaxinación, as situacións tenras, a fantasía, a humanidade fanse patentes da man dunha escritora, María Canosa, que con mestría crea unha historia dunha humanidade  clara, moi ben escrita e que resolve dun xeito acertado. Un pracer a lectura deste libro aconsellado, en principio, para lectores de 9 anos en diante e que foi finalista no Premio Merlín na súa XXIX edición e 2014.
     
Ilustración de Nuria Díaz
     Gustáronme moito as ilustracións de Nuria Díaz, pois posúen unha expresividade enorme e, cun certo ton irónico, acáenlle moi ben á historia. Excelente o nivel da ilustración que temos en Galicia.

    

     
    
      Tamén para lectores sobre os oito ou nove anos, podemos saborear un fermosísimo conto de Xelís de Toro que se chama O trompetista e a Lúa. Publicada na colección Sopa de Libros, esta historia, dun  humor moi fino, preséntanos  o rebumbio que se produce na cidade debido á formación da nova banda de música. Os habitantes que querían formar parte da mesma non deixaban de practicar cos seus instrumentos.
     
     Con todo ese barullo a cidade púxose patas arriba. Ata o cambio climatolóxico foi inmediato. Houbo quen chegou a facer fortuna, como don Nicofasio, o boticario, que se encheu a vender tapóns para os oídos. Os soños musicais de moitos cidadáns tomaron corpo: dende o xastre, que sempre soñara  con tocar o violín, ata o carniceiro, que prefería os pratos…
    
     Pero o auténtico protagonista da historia é Evaristo, o xeadeiro, que sopraba con forza a súa trompeta e non estaba disposto a renunciar ao seu soño. Non conseguía os logros desexados. Ao parecer, o pobre home molestaba cos sons da trompeta os veciños, que, cansos do ruído, o esperaban con paus para darlle a benvida ao riscar o día, pois Evaristo non tiña lugar fixo de ensaio e facíao pola noite. Así que  non tivo máis remedio que cambiar de praza cada anoitecida para poder practicar.
     
     Cando, triste, e coa ollada baixa, co seu instrumento debaixo do brazo, case se daba por vencido, chegou ao penedo máis alto do lugar e a Lúa viuno e foille falar. Aí as cousas van cambiar…
     
     Un conto moi poético, moi humorístico, dunha humanidade sen sensiblerías, cunha fantasía en permanente relación coa realidade que te conmove.
     
Ilustración de María Lires
     Non quero deixar de salientar as ilustracións de María Lires. Emocionáronme.Son dunha categoría infinita. Entre o collage  e as cores tenues, coa base do debuxo de liña consegue dar vida aos personaxes e chegan a cativarte pola súa expresividade e a feliz captación dos estados de ánimo.


    


     
     Teño nas mans o último libro de Mar Guerra, madrileña de nacemento, que vive na Coruña e é xornalista de profesión.
     
     Unha nova entrega do seu entrañable Xenaro. Chámase este libro Xenaro e a negra sombra. Antes viron a luz Xenaro e o misterio da mochila verde (Premio Merlín de Literatura Infantil, 2008) e Xenaro e a hucha do indiano. Entre medias, o seu magnífico Señor Meco.
     
     Xenaro é un ser moi especial. Un verdadeiro pillabán, moi intelixente, a quen lle gusta xogar coas palabras. A Mar Guerra, tamén. Ese xogo é unha das súas características (entre centos) da súa escrita.
    
     “… Non rematara de achegarse ao Sobras, e Zaca xa chamaba por nós con grandes aspaventos. Non era para menos (con eme de machada, megafonía e milmañas)”
     
     Nesta nova historia, Xenaro, tan ocorrente coma sempre, preséntase dicindo: “Son Xenaro. Xenaro cun xe de xeo, xeado e xearento.” Porque Xenaro se atopa morriñento, bota en falta os seus amigos, mesmo aqueles compañeiros cos que non se leva especialmente ben.
    
     Non volveu saber deles des que volveron da excursión de fin de Primaria no Porroutó. Está de vacacións nun apartamento alugado polos pais, torrándose ao sol, cunha calor mediterránea que odia e  non dá sacado da cabeza a semana alí vivida e o misterio do encarrapuchado que ben que mal resolveron.
     E coas lembranzas desa semana, sen esquecer os amigos e, xa que logo, o Encarrapuchado (home ou espectro?) Xenaro conta o que alí sucedeu, malia estar de non, porque non lle gusta nada “este océano morno e apampado, nin a praia ateigada…”
      
Evocadora ilustración de Fernando Llorente incluída no texto
      Mar Guerra crea unha historia enchoupada de humor e misterio, enxeñosa como adoita, con moitos  personaxes, con  alusións a heroes literarios. Unha historia contada con mestría, que contén diálogos delirantes, cunha chea de onomatopeas e que se desenvolve cun ritmo vertixinoso. Encantoume a achega a Rosalía de Castro e ás súas "Follas Novas".
     
     Imposible de ler sen sorrir continuamente, agardando con curiosidade os xiros pensados pola autora que te sorprenden decote.
     
      Un libro que está aconsellado para lectores de 11 anos en diante e que, como pasa coa boa literatura, non ten idades definidas.

     Catro propostas, pois, diferentes, dunha calidade incuestionable que van facer as delicias dos lectores e lectoras e de todo aquel que se achegue a elas sen prexuízos, algo que a estas alturas debería estar superado.


                                                                                                                            ANTONIO  GARCÍA  TEIJEIRO