Páginas

lunes, 7 de septiembre de 2015

"CADROS DUNHA EXPOSICIÓN": UNHA SINFONÍA CROMÁTICA, LITERARIA E MUSICAL PARA ALOUMIÑAR OS SENTIDOS



Dez cadros do pintor, arquitecto e amigo de Mussorgsky, Viktor  Hartmann, permitiron ao gran compositor ruso compoñer unha fermosa suite coma homenaxe ao seu amigo morto en idade temperá dun ataque ao corazón. Mussorgsky quedou abatido, compuxo esta obra  en 1874 e afundiuse nunha gran depresión.

  
Modest Mussorgsky

       Unha suite formada por quince pezas escritas para piano e que posteriormente Maurice Ravel orquestrou. Esta é  a forma máis coñecida da obra, chamada nun principio “Suite Hartmann”, e que posteriormente se coñecería  como “Cadros dunha exposición”. Así ata os nosos días.
     
     Modest  Mussorgsky quixo debuxar con música algúns dos cadros expostos (tres, concretamente) e entre cadro e cadro creou uns temas chamados “paseo”, uns fragmentos nos que describe os “pasos” do visitante cando vai dun cadro a otro. Cinco “paseos” con distintas variacións que lle dan unidade á obra.


     Ben, pois sobre esta obra romántica a Editorial Kalandraka vén de tirar do prelo un álbum excepcional, que contén un CD coa obra gravada baixo a dirección do mestre italiano Giuseppe Sinopoli, falecido en 2001 mentres dirixía a ópera “Aida” de Verdi na Ópera de Berlín.

     Digo que é un libro excepcional, un fito evidente, porque semella imposible coidalo con máis gusto e agarimo.
     

     Un texto relativamente breve, moi tenro de  José Antonio Abad, axeitado ao desenvolvemento da obra musical. Unha gansa, Ocazul, pasaba en grupo cada día diante do Museo de San Petersburgo camiño dos prados  onde acostumaban a pastar. A nosa gansa, algo despistada ela, foise apartando do grupo pouco a pouco, sen decatarse, e o continuo transitar dos visitantes foina levando cara ao interior do museo. Sen saber como, atopouse dentro da gran Sala de Exposicións. A pequena gansa quedou marabillada ao descubrir amplos espazos cheos de sonoridade, grandes lámpadas, alfombras de cores e moitos cadros nas paredes.
     Ocazul grallou de admiración e internouse curiosa, comezando unha aventura por entre tan fermosas pinturas. Fantasía e realidade neste relato, que nos empurra a entender a importancia da curiosidade e a imaxinación no desenvolvemento do ser humano.


     Excepcional tamén este libro polas impresionantes ilustracións de Xosé Cobas. Non imos descubrir a calidade do artista (tan querido por min). Cobas é, sen dúbida, un dos mellores ilustradores deste país. O seu labor emociona porque é quen de crear unha festa dos sentidos diante de cada unha das súas imaxes. A elegancia é unha das características da súa obra. Nestas páxinas, sutileza, detallismo, limpeza nos trazos, cores suaves que acariñan e xogos de luz van da man para removernos interiormente.
     Entramos nos cadros orixinais, maxistralmente recreados, cunhas abstraccións líricas, envoltas e música, que nos deleitan. Un Cobas maior o que aquí,nesta xoia, dá vida a unha sinfonía de sentimentos que nos fascina.
 
Xosé Cobas
     E é excepcional “Cadros dunha exposición” polo disco que acompaña ao libro. Unha das mellores versións da suite de Mussorgsky é, sen dúbida, esta de Sinopoli, electrizante e chea de vitalidade, gravada en Nova York pola New York Philarmonic Orquestra baixo a batuta do director italiano.
 
Giussepe Sinopoli
     Imposible pedir máis. Texto, proposta estética e música de altísima calidade xuntos para poñer a pel de galiña ao lector ou lectora e permitirlle gozar cun proxecto admirable que Kalandraka, unha vez máis, pon ben preto das persoas máis esixentes.

     
     Un libro para perderse polas liñas que marcan os territorios das emocións máis fondas, esas que fan ao ser humano máis sensible.

     Se queredes escoitar a New York Philarmonic, dirixida polo mestre italiano, tedes un fragmento, "Gnomus",dos "Cadros dunha exposición".




  Se  desexades escoitar esta marabillosa obra completa - paga a pena! - tedes deseguido a interpretación da Orquestra Filarmónica de Viena, dirixida polo gran Valery Gergiev.




                                                                                                                       ANTONIO  GARCÍA  TEIJEIRO